Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum

Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum é unha exposición internacional que amosará en Santiago de Compostela o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. Será a primeira vez e única que estas pezas procedentes de Xerusalén se poidan ver en España, exhibíndose no Gaiás entre marzo e agosto de 2024.

Ao longo de medio milenio —e para manifestar a súa devoción católica— as casas reais europeas doaron recursos materiais e financeiros, así como suntuosas pezas de arte sacra á Basílica do Santo Sepulcro en Xerusalén, lugar de profunda simboloxía espiritual e importante centro de proxección da devoción e do poder dos reis e príncipes católicos.

Tendo como eixo central estas doazóns, a exposición amosa parte deste tesouro artístico, composto por valiosos obxectos relixiosos de metais e pedras preciosas, cálices, ourivería, códices, ornamentos, vestiduras sacras de rara manufactura… Pezas únicas de incalculable valor que foron custodiadas durante máis de 800 anos, desde a chegada dos franciscanos a Palestina, pero que raramente puideron ser vistas polo gran público. A mostra permite tamén percorrer a historia da Basílica do Santo Sepulcro e o papel da Custodia de Terra Santa, a comunidade de frades da Orde de San Francisco que se asume como gardiá deste singular patrimonio arqueolóxico, artístico e litúrxico.

Proxecto internacional

Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum amosará no Gaiás un patrimonio artístico pouco coñecido, que ata o momento apenas foi exhibido ao gran público. Tras Lisboa, onde se exhibe actualmente —na Fundación Calouste Gulbenkian— a exposición viaxará a Compostela, e a outros dous destinos internacionais aínda por anunciar, en Europa e Estados Unidos. Posteriormente, estas obras comporán o núcleo da colección histórica do Terra Sancta Museum, que prevé abrir as súas portas ao público na cidade vella de Xerusalén.

Na súa estadía en Galicia, a exposición completarase tamén con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras de institucións galegas como o Museo de Terra Santa do compostelán Convento de San Francisco e o Museo das Peregrinacións, e tamén de fóra de Galicia como o propio Museu Calouste Gulbenkian. O proxecto achegarase así ao nexo que une tres grandes cidades de peregrinación como son Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.

Institucións co-organizadoras

A Custodia Franciscana de Terra Santa é o nome co que se coñece á provincia da Orde Franciscana que se encarga da administración dos lugares cristiáns en Xerusalén, da recepción de peregrinos, e de atender ás comunidades cristiás locais. O proxecto do Terra Sancta Museum naceu coa vontade de dar maior visibilidade á historia da presenza cristiá na Terra Santa e como un lugar de encontro e diálogo entre distintas relixións. Consta dun núcleo arqueolóxico no Convento da Flaxelación, onde xa exhibe as súas coleccións, e dun núcleo histórico-artístico, que amosará o Tesouro do Santo Sepulcro así como coleccións de arte cristián oriental no convento de San Salvador.

Creada en 1956, a Fundación Calouste Gulbenkian é considerada como unha das institucións culturais portuguesas de referencia e unha das máis dinámicas de Europa. O Museo Calouste Gulbenkian é o buque insignia da Fundación, atesourando unha colección de seis mil pezas de arte exipcia, grecorromana, mesopotámica, islámica, armenia e de Oriente.

Comisariado

COMISARIADO INTERNACIONAL [comisario científico]

Jacques Charles-Gaffiot | Historiador da arte, autor e integrante do Comité Científico do Terra Sancta Museum. Membro da xunta directiva da acción artística Cidade de París, da Unión de Críticos de París, da Association da Demeure Historique e da Sociedade de Amigos de Versalles. É ademais membro fundador do Observatorio do Patrimonio Relixioso e vicepresidente da asociación Cercle du Patrimoine.

COMISARIADO LOCAL [comisarios executivos]

Esperanza Gigirey Liste | Directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago desde 2018. É presidenta do Consello Galego de Museos e forma parte do Consello Asesor do Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares. Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, con especialidade en historia da arte, contemporánea e museoloxía. Foi tamén técnica superior no Museo de Terra Santa do convento de San Francisco de Santiago de Compostela entre 1998 e 2003.

Juan Manuel Buján | Ministro provincial da orde dos franciscanos en Santiago de Compostela. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Salamanca e licenciado en Teoloxía e en Ciencias Relixiosas pola Universidade Pontificia de Salamanca. É tamén director e profesor do Colexio Plurilingüe Franciscanos de Lugo, director da revista Liceo Franciscano, presidente de Escolas Católicas de Galicia e autor de varias publicacións sobre os Franciscanos en Galicia.