VISITAS DIDÁCTICAS | CURSO 2020

C A N C E L A D A S    T E M P O R A L M E N T E!


Preparados no voso centro escolar para este segundo trimestre do curso 2019-2020? Na Cidade da Cultura de Galicia xa temos todo artellado para continuar co calendario lectivo neste ano recén inaugurado. Continuamos coas visitas didácticas, vinculadas á arte, á arquitectura e á natureza do complexo Gaiás e dirixidas ás vosas escolas, coñecedores de que as actividades fóra da aula son sempre unha valiosa e amena ferramenta pedagóxica na docencia, polo elemento motivador extra de aprendizaxe que supón a proximidade no coñecemento.

Escollede a que máis se axeite ao voso alumnado!

 

GALICIA, UN RELATO NO MUNDO
Ata o 12 de abril

Dirixida a alumnado de Educación primaria e secundaria
Duración aproximada: 60 minutos


Galicia, un relato no mundo explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. Concibida como a primeira das grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, trata algúns dos grandes temas da identidade e da sociedade galegas e como están profundamente conectados co contacto con outras culturas. A mostra cuestiona así a idea do illamento de Galicia, amosando un territorio en continua relación co seu contorno e os grandes temas da Historia universal.

A Cidade da Cultura convida o voso alumnado (de Educación primaria e secundaria) a esta viaxe pola Historia, a Xeografía e a Historia da Arte, a través dos mitos, as historias, as vidas e as memorias dos galegos e galegas ao longo do tempo.
 
INFORMACIÓN PRÁCTICA:
 
  • Dirixidas a alumnado de Educación primaria e secundaria
  • Ata o 12 de abril de 2020
  • Quendas ás 10.00, 11.30, 13.00, e 16.00 horas, de martes a venres
 

GAIÁS: ARQUITECTURA E NATUREZA
Visita dispoñible todo o ano
Todos os niveis educativos
Duración aproximada: 60 minutos

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo  principal destas visitas educativas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación co entorno paisaxístico e natural no que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, cos proxectos presentados ao concurso arquitectónico que tivo lugar no ano 1999, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk.

BOSQUE DE GALICIA
Visita dispoñible todo o ano*
Educación primaria e secundaria
Duración aproximada: 60 minutos


As visitas ao Bosque de Galicia fan posible que os grupos se asomen aos espazos verdes do Gaiás para coñecer e valorizar os elementos do noso medio natural e aprender a identificar as plantas da nosa contorna, as súas utilidades e a importancia da súa preservación. Aproveitando a variedade natural existente nas 34 ha do monte Gaiás, a comunidade educativa poderá gozar dun roteiro interpretativo da paisaxe galega, con todo un catálogo de especies arbóreas que favorecen o coñecemento próximo do noso ecosistema (bidueiros, carballos, salgueiros...).

*Observación: As visitas ao Bosque de Galicia están suxeitas a modificación ou cancelación no propio día en función do tempo meteorolóxico. En tal caso, ofertarase ao grupo afectado unha visita alternativa.

 
Visitar