Viravento pluvial é o proxecto seleccionado na modalidade de deseño das Axudas REGA 2026. A proposta de Carlos Fer propón a construción dun dispositivo plástico e lúdico que responde a acción do vento e da chuvia, coa cerámica e a súa tradición galega como protagonistas, desde unha perspectiva contemporánea. Contará co acompañamento do director da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, Juan Adrio.
Partindo do funcionamento do pluviómetro e as súas variantes, así como dos estudos de intercomparación entre diferentes dispositivos, Carlos Fer deseñará un mecanismo composto por unha estrutura de aluminio, con recipientes cerámicos suspendidos e ancorados á mesma. O deseño destes recipientes tomará como inspiración traballos e pezas vinculadas ao uso da auga e ao consumo doméstico de centros cerámicos como Buño, Gundivós, Niñodaguia e Bonxe, recoñecidos por Artesanía de Galicia como focos históricos da olería tradicional.
Viravento pluvial é unha peza concibida para ser instalada ao aire libre, xerando unha experiencia de observación centrada nos procesos de cambio que permite reflexionar sobre a relación entre medición, materia, tempo, movemento e forma.
Carlos Fer (Tui, 1997). Realiza actualmente o doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea na Universidade de Vigo, onde completou o Grao en Belas Artes para continuar despois os seus estudos no Máster Universitario en Dibujo y Creación Audiovisual da Universidad de Granada. Foi finalista do X Premio Cervezas Alhambra Arte Emergente ARCO 2025 e recibiu recentemente o Premio Revelação IPDJ na XXIV Bienal Internacional de Arte de Cerveira (Portugal 2026) e o V Premio Crea, Creatividade e Innovación da Universidade de Vigo (2025).
Desenvolveu residencias artísticas en París, Tomiño, A Coruña, Madrid e Bruxelas, entre outras, e ten participado en numerosas exposicións individuais e colectivas, entre as que destacan Relicario (Catedral de Santa María de Tui, 2026), Limiares Acuosos (Casa da Cultura Galega, Concello de Vigo, 2025), Letting the Painting Fall (Sint Lukas Gallery, Bruxelas, 2025) e Pregar a Pintura (Comisariado no Museo provincial de Pontevedra, 2024). O seu traballo céntrase nos últimos anos na pintura expandida, atendendo de maneira particular ás súas dimensións materiais, espaciais e procesuais. As residencias REGA son unha oportunidade para prolongar investigacións xa presentes na súa obra cara ao escultórico e á instalación, territorios xa latentes no seu traballo.












