A través dun horizonte sen corpo

A través dun horizonte sen corpo a Cidade da Cultura de Galicia ofrece unha nova contorna. Esta intervención de Fredy Solano nas Torres Hejduk enche o espazo negativo entre a torre de pedra e a de cristal para facer xurdir unha torre ‘non-existente’. Acádase este efecto grazas a unha tea de fío de rede, de 150 metros cadrados e 25 metros de alto, elaborada artesanalmente polo propio artista.

Fredy Solano, de orixe salvadoreño pero residente actualmente en Vigo, pretende plasmar así no Gaiás o seu concepto da arte como ocupación e intervención do espazo público. Este proxecto foi elixido gañador da IV Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, certame organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e aberto a todos os participantes no Encontro de Artistas Novos 2016 (EAN16). 

Peter Eisenman ten comentado que John Hejduk concibiu a creación dunha terceira torre como “a iglesia sen corpo”, conferíndolle unha carga metafórica ao acto arquitectónico. Baseándose neste concepto de transparencia, a tea –elaborada baixo os parámetros matemáticos da proporción áurea– busca ser unha intervención atmosférica integrada na contorna “que semelle que está e non está”, en palabras do artista, e mimetizada coa paisaxe do monte Gaiás. Consecuentemente,  a imaxe que aparece entre as dúas torres é diferente e varía segundo a hora e a luz que reciba a tea. Para conseguir este resultado, a malla instalada foi coloreada con tinguiduras case imperceptibles.

Esta intervención conta coa proxección dun vídeo en time lapse, dentro dunha das torres, no que se pode ver como o efecto da luz sobre o fío de rede fai emerxer ao longo do día a torre 'non existente'. O vídeo está realizado por Adrián Álvarez.

Fredy Solano-Póker (1992, El Salvador)

Fredy Solano-Póker (1992, El Salvador) foi un dos 40 artistas emerxentes que participou o pasado ano no EAN16. Aínda que comezou como artista do graffiti en 2006, actualmente dedícase á produción de instalacións site specific e accións en espazos públicos.

Licenciado en Deseño Gráfico e Publicidade na Universidade Don Bosco de El Salvador, a súa experiencia artística inclúe a súa participación en exposicións como ‘Fusilamiento’ do Festival ecléctico de las artes, ‘Antes y después’ no Centro Cultural España, ‘El grafiti no es nada’ do Festival de Intervencións en espazos públicos ADAPTE de El Salvador; ou a exposición colectiva ‘Tropical taboo’ na Benedictine University de Chicago. Recentemente foi seleccionado pola residencia RAPACES, Nicaragua; YES Academy- El Salvador por Mark Dion, Dena Sherwood and Deana Haggag (The Contemporary Baltimore); e VOLUMES, De lo tangible a lo intangible, Zürich, Suíza. Tamén foi representante do seu país na X Bienal Centroaméricana. Participou  en ‘To Jump the rope’ en CONTEXT art Fair, comisariada por Claire Breukel, Miami (EUA).

 

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h