Stay Here (EAN) | Xacobeo 21

A ambición, as relacións de poder, o estatus social, as desigualdades, as decisións desde arriba a abaixo, a competitividade… Imposible non facer calquera destas lecturas en Stay here, intervención artística de Alejandro Ginés (Sevilla, 1984), quen resultou gañador do VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018.

Trátase dunha peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, que converte as edificacións ideadas por John Hejduk —e construídas por Peter Eisenman no Gaiás a modo de homenaxe— nunha especie de enxeñosa matrioska na que, a través de Stay here, se convida á participación de quen a ve, tanto no seu posible manexo, como nas súas múltiples lecturas. 

Este artefacto cinético establece paralelismos con certos comportamento da sociedade actual, como: o excesivo fomento do individualismo (unha única cadeira); o poder (só unha persoa pode sentarse e no cumio); ou o estatus e as desigualdades sociais (perspectiva por riba do resto).

Stay here está instalada na Torre Hejduk de cristal, mentres que na opaca estará exposta, sobre unha base alzada, a maqueta da obra a escala 1:10. Débese salientar que o xurado valorou á hora de elixir este proxecto a presenza do cinético e o cotián para suxerir novas olladas e evocacións.

Precisamente, ao longo da súa traxectoria creativa, Alejandro Ginés caracterízase por mensaxes artísticas que nos falada dificultade do ser humano de atopar un lugar no mundo, á vez que se nos convida a unha reflexión crítica, social e individual, dentro dun contexto actual complexo.

CURRÍCULO DE ALEJANDRO GINÉS

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, completou a súa formación cun máster en Idea e Produción e o Doutoramento en Arte e Patrimonio. O seu traballo estivo presente en varias exposicións colectivas, como no XIII Certamen de Creación Joven (Sevilla), na XX Exposición de Artes Plásticas, a IV Exposición de Fotografía da Asociación Reunart, Valladolid ( MUVa), a I Exposición BIUNIC, na Fundación Valentín Madariaga (Sevilla), na Exposición Málaga Crea 2015, en La Caja Blanca (Málaga) ou na XXXVII Exposición Certamen Nacional de Arte contemporáneo ‘Ciudad de Utrera’, Casa de Cultura, entre outros. Tamén realizou mostras a título individual como Habitar el espacio, Centro de Interpretación (Guillena, Sevilla) ou Espacios no domésticos, Casa da Cultura “Juan Varela”, Doña Mencía (Córdoba).

Foi premiado e seleccionado en varios concursos, como o Call 2016, a XVIII Convocatoria Internacional de Jóvenes Artistas de Luís Adelantado (Valencia), o XIII Certamen de Creación Joven (modalidade de escultura), Concello de Sevilla, ou o II Premio de fotografía ‘Ciudad de Badajoz’, e a súa obra está presente en varias coleccións, como na do CAC Málaga, a Fundación Valentín de Madariaga, ou o CICUS, ambos en Sevilla.



 

 
Exposicións