Siro non necesita presentación para quen segue a caricatura e o humor gráfico en Galicia. Desde as súas primeiras viñetas en revistas como Can sen dono ou Sapoconcho ata as páxinas de La Voz de Galicia, o seu debuxo alcanzou a vida diaria de miles de persoas, deixando sempre pegadas de humor. Este 2026, a Biblioteca de Galicia celebra o Día da Ilustración coa exposición Siro. A vida nun lápis, unha escolma da súa obra que revela o artista multifacético detrás das viñetas.
A exposición reúne máis de 50 pezas pertencentes aos fondos da Biblioteca de Galicia e material de debuxo cedido polo autor, desde libros e láminas ata publicacións seriadas que forman parte da cultura galega contemporánea. Hai viñetas que reflicten a política do día a día, homenaxes a figuras como Picasso, Valle-Inclán ou Ramón Piñeiro, e traballos que mostran a súa faceta de retratista e debuxante. Todo iso evidencia unha carreira iniciada case antes de aprender a escribir, cando xa con tres anos comezaba a explorar o mundo co lapis na man.
Siro, que empezou como delineante na empresa Bazán, axiña foi quen de arriscarse para dedicarse de cheo ao mundo da ilustración. A súa produción combina humor, sensibilidade e un constante estudo dos grandes mestres do debuxo, algo que el mesmo nunca negou: “De ningún xeito son autodidacta, porque non deixei de estudar os grandes debuxantes que fun descubrindo”.
Ademais, xunto con outros debuxantes da Comunidade como Xaquín Marín, participou nunha serie de iniciativas que abriron novas posibilidades profesionais aos humoristas gráficos galegos, como o manifesto En defensa do humor ou o Museo do Humor de Fene. Malia que é fundamentalmente recoñecido como caricaturista político e humorista gráfico, Siro é tamén un destacado retratista, debuxante e pintor. De feito, a súa creatividade non queda só restrinxida ao ámbito das belas artes, xa que ao longo da súa traxectoria profesional Siro tamén se revelou como un artista da palabra. O xornalismo, o ensaio ou inclusive o teatro son eidos nos que o humor de Siro tamén deixou a súa pegada.
Con esta exposición, a Biblioteca de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) poñen en valor a creatividade dun autor que transformou o lapis en xeito de contar historias, debuxar vidas e deixar a súa pegada na cultura gráfica galega.












