Recreando personaxes |Actrices, actores e animados galegos da literatura e da historia no audiovisual

A Agadic organiza unha mostra que relaciona nomes propios da cultura cos intérpretes e as animacións que lles deron vida nas pantallas e que forman parte xa do noso imaxinario

Recreando personaxes aínda que se desenvolve na contorna audiovisual non fala de cinema, nin de películas, nin de series; fala de persoas e personaxes e os lazos que os unen. Recóllese a figura dos actores e actrices que interpretan; dos personaxes creados con vida propia; dos creadores de personaxes e de historias; de mulleres e homes que fixeron historia; e de técnicos que dan vida a personaxes. Como elemento en común: a cámara, a pantalla e os espectadores.

Son catro as seccións que compoñen a exposición, comisariada por Marta Villar, e organizada pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) :

  • Actores, actrices e animados galegos, protagonistas indiscutibles desta mostra, que se caracterizan para dar vida a personaxes, ficticios ou reais, na contorna da comunicación e a ficción.
  • Autores e autoras que crean personaxes e historias, que son recolleitos polo audiovisual para proporcionarlles un novo territorio de ficción.
  • A historia dos acontecementos que marcaron destinos, o patrimonio histórico como habitante do territorio, a realidade social que ha de facer historia co paso dos anos, contada en diferentes formatos.
  • As mulleres da nosa historia, agrupadas, recoñecidas e lembradas, nun produto que fai xustiza e é necesario para as  novas xeracións, que non poderán xa esquecelas.

A mostra Recreado personaxes promóvese cunha dobre finalidade: pór en valor a Historia e mais a Literatura, e reivindicar o traballo das mulleres e dos homes da nosa escena que asomaron e asoman ás pantallas, para levarnos polos recantos do tempo e a ficción.

Esta novidosa proposta expositiva procura divulgar, ao tempo que salientar o labor integral dos profesionais da imaxe. Deste xeito, Recreando personaxes reflicte e proxecta unha Galicia diversa e plural, onde o talento e a creatividade cultural semellan unha fervenza que non cesa.

Organizada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Academia Galega do Audiovisual, CRTVG, RTVE e Fundación Aisge.

 
Exposicións
 
29 AGOSTO-15 DECEMBRO
De 10 a 20 horas
19 SET - 5 XAN 2020
De 10 a 20 horas
14 NOV 2019 - 12 ABR 2020