Plástico a mareas

A partir de refugallos de plástico recollidos na costa galega, María Arceo recrea nas Torres Hejduk unha experiencia de percepción multisensorial, de carácter inmersivo, coa intención de provocar fisicamente os e as asistentes; transportalos ao mesmo fondo do océano e, desa maneira, proporcionarlles a oportunidade de visualizar e percibir a través de cheiros, sons e luces, os problemas que a presenza de plásticos xera na auga e conseguir, á vez, estimular e espertar hábitos de consumo responsable.

Plástico a mareas alerta da enorme cantidade de plástico que se consume e do grave risco que supón isto para os fondos mariños e praias, onde chega moito lixo procedente dos ríos. De aí, que a instalación estea realizada con refugallos deste material recollidos no litoral galego e tamén no río Sar, ao seu paso por Santiago de Compostela, cidade natal da artista.

A intervención ten ademais unha dimensión colectiva, xa que incorpora plásticos das limpezas realizadas no litoral galego por persoas anónimas. Deste xeito, a artista pon en valor a aportación desinteresada da cidadanía na mellora do medio natural.

MARÍA ARCEO

Residente en Londres desde 1984, onde se graduou en Belas Artes na Escola de Arte de Camberwell e máis tarde cun Posgrao en Arte e Educación do Deseño da Universidade de Goldsmith, as obras de María Arceo teñen unha forte carga de denuncia dos danos que está a provocar o exceso de lixos e residuos que xera a sociedade actual. Precisamente, por este tipo de proxectos conseguiu ser seleccionada no Encontro de Artistas Novos (EAN) da Cidade da Cultura en 2015.

Esta sensibilidade medioambiental é a que ten dirixido os seus traballos na Galería Herbert Reed en Canterbury ou na instalación artística realizada coa limpeza de refugallos que fixo no mesmo Támesis. Ademais, o seu compromiso coa contorna valeulle ser convidada a unirse a un grupo internacional de 14 mulleres como artista residente para cruzar el Atlántico nun barco de investigación sobre a presenza de contaminantes microplásticos na auga. Os resultados foron compartidos por prestixiosos organismos internacionais como The Marine Litter Watch (Axencia de Medio Ambiente da ONU); o Instituto de Investigación Ambiental Mariña MERI (Maine,EUA)  ou o Centro de Investigación MTM (Universidad de Örebro, Suecia).

 
Exposicións
 
29 AGOSTO-15 DECEMBRO
De 10 a 20 horas
19 SET - 5 XAN 2020
De 10 a 20 horas
Inauguración 24 de outubro
OUT - XAN
15 NOV 2019 - 12 ABR 2020