Phygital Land explora a construción do espazo virtual desde a dimensión física, reflexionando sobre como percibimos o dixital e o tanxible cando ambos mundos se entrelazan. O termo phygital —que combina physical (físico) e digital (dixital)— define unha experiencia híbrida que atravesa toda a intervención e nos convida a repensar a relación entre o natural e o tecnolóxico. Empregando técnicas como a fotogrametría e a impresión 3D, xéranse esculturas que son ao tempo datos e materia, así como proxeccións animadas que revelan a mirada da máquina.
As esculturas físicas que compoñen a instalación parten de escaneos de elementos naturais reais. Fragmentos de pólas, follas ou pedras son capturados mediante fotogrametría, convertidos en arquivos dixitais, e reinterpretados grazas a distintos dispositivos antes de seren re-materializados como obxectos impresos. Esta tradución do orgánico ao dato, e do dato novamente á materia, dá lugar a formas híbridas onde o erro da máquina se converte en linguaxe estética.
A instalación desprégase en dous espazos: a Torre de Cristal acolle unha paisaxe escultórica formada por pezas impresas en 3D que evocan formas naturais intervidas por procesos dixitais; mentres que a Torre de Pedra se transforma nunha contorna audiovisual envolvente, atravesada por loops de animación e unha composición sonora especulativa, desenvolvida por Diego Flórez.
Na proposta sonora conviven fontes como gravacións de campo realizadas con micrófonos experimentais que amplifican as vibracións de flora, fauna e do mundo subterráneo. Por outra banda, inclúense gravacións de elementos como tubaxes, desaugadoiros, materiais plásticos, e síntese algorítmica, que se integran neste universo sonoro onde se eslúen os límites entre o natural, o artificial e o dixital.

A 'imaxe pobre'
O proxecto fundaméntase na teoría da “imaxe pobre” de Hito Steyerl, que describe as imaxes dixitais de baixa resolución, aquelas que foron comprimidas, degradadas e redistribuídas, como una forma subversiva de produción cultural. Estas imaxes non só son “pobres” en calidade técnica, senón tamén en termos do seu lugar na xerarquía da produción visual: revelan a loita entre o control da información e a democratización do seu acceso.
Así, a instalación constará tanto de proxeccións dixitais como de esculturas creadas a través de técnicas como a fotogrametría e a impresión 3D, mais en ningún caso representacións fieis da natureza, senón creacións a partir de imaxes degradadas ou de baixa resolución, nas que a máquina enche os datos que faltan. A través deste proceso, xérase un tipo de natureza onde os erros dixitais e as fallas na captura de datos se converten en parte esencial da obra. Tanto os obxectos impresos en 3D como as animacións proxectadas nacen do erro e a visión imperfecta da tecnoloxía: son fiestras aos ollos da máquina, que comprenden o mundo segundo o percibe o algoritmo, coas súas limitacións e reinterpretacións.

Proxecto gañador do XIV Encontro de Artistas Novos
A proposta foi seleccionada como gañadora entre os proxectos recibidos ao Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos, EAN14. Esta convocatoria procura dar visibilidade a artistas emerxentes, ofrecéndolles un espazo expositivo non convencional a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea recoñecida e consolidada como é o EAN.
Irene Molina
|  | Artista visual, a obra de Irene Molina (1997) abrangue os novos medios con especial atención ao 3D. Na súa práctica artística investiga sobre as relacións que xorden na intersección e hibridación do obxecto dixital e o corpo físico. A súa produción quere xerar pontes entre espazos materiais e virtuais, onde o escultórico convive coa pantalla. A súa preocupación sobre o presente virtual máis inmediato pon o foco na construción e percepción do espazo e o erro dixital. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Granada e Máster en Produción Artística pola Universidade de Málaga. Recibiu o Premio BMW de Pintura na categoría de Arte Dixital 2022 e foi residente da XXI promoción da fundación Antonio Gala. | 

 
              
















