Ousadía, a liña da vida

A artista Amaya Gónzalez Reyes traslada as liñas da súa man a unha imaxe a grande escala para que sexa observada desde moita distancia. Trátase dunha valla publicitaria de 8 x 3 metro, situada na estreada fase 3 do Bosque de Galicia.

No simbólico contexto do Camiño de Santiago e a súa tradición xacobea, Amaya González Reyes utiliza a metáfora visual das liñas da man como o camiño que cada un de nós estamos destinados a percorrer, salientando o seu carácter de experiencia individual.

A peza é unha amálgama de significados e significantes, tanto na súa forma como no seu fondo: a primeira constatación da existencia do Camiño de Santiago é do ano 1140 descrito nas crónicas do monxe Aimeryd Picaud, momento que coincide cronoloxicamente co rexurdimento da quiromancia, unha práctica universal con numerosas variantes culturais que nace do hinduísmo. Na súa interpretación a palma da man divídese en diferentes montes e vales (por exemplo o Monte de Venus que nace na raíz do dedo polgar e inicia a famosa liña da vida e que se pode pór en correlación co monte Gaiás, onde se localiza esta nova intervención). O que converte aos diferentes relevos da man en metáforas xeográficas, así como o camiño que avanza xeograficamente por diversos vales e montes.

O feito de que a artista traslade as liñas da súa propia man a unha imaxe a grande escala para ser observada desde unha ampla distancia evoca un conflito filosófico. O carácter volitivo, de vontade individual sobre os acontecementos da nosa vida, oponse ás prácticas esotéricas que, como a quiromancia, trasládanos aos aspectos máxicos relativos á sorte do destino, aos diferentes eventos das nosas vidas que nos veñen dados.  A súa lectura contrasta dúas cosmogonías ou filosofías de vida: unha que cre que todo o noso camiño xa está escrito,— determinismo mecanicista que nega o libre albedrío— o que anula a nosa vontade individual e outra, oposta, — indeterminista, que cre na liberdade individual e na construción consciente dos nosos camiños.

É dicir, é unha peza que funciona como un artefacto filosófico que lanza unha pregunta silenciosa ao espectador está o noso camiño xa escrito? Azar versus causalidade.

O feito de que esta potentísima imaxe das liñas da man da propia artista se monten sobre un valo publicitario de 8 x 3 metros resignifica o conflito filosófico. A súa forma, que responde a un dispositivo publicitario destinado á venda dun produto, disloca a súa propia esencia ao non estar creado con esa fin. A imaxe do valo non é un produto, nin unha mercadoría, senón unha reflexión íntima, un cara a cara cunha actitude ante a propia vida.

Esta intervención é tamén, por parte da autora, unha homenaxe Félix González Torres (1957, Guáimaro, Cuba - 1996, Miami, Estados Unidos), quen tamén creaba desde o íntimo e tamén estivo detrás dunha coñecida intervención artística con 24 valos publicitarios coa fotografía da cama desfeita del e da súa parella,  coa que encheu Manhattan cando o seu compañeiro morreu de complicacións relacionadas coa SIDA. Un xeito de trasladar de modo  rotundo ao espazo público un aspecto que permanecera escondido na súa intimidade, tanto pola condena da súa enfermidade como da súa condición sexual.

  • Amaya González Reyes | Artista

Artista plástica e visual. Doutora en Estudos Literarios pola Universidade de Vigo e licenciada en Belas Artes nas especialidades de escultura e pintura (Universidade de Vigo).

Ten realizado estancias de traballo e formación en Arteleku (Donosti), Museo Serralves (Porto) e Laboral Escena (Xixón) dentro do programa Mugatxoan. Tamén ten asistido a obradoiros con artistas, como Gabriel Orozco (Fundación Botín, Santander), Isidoro Valcárcel Medina (Facultade de Belas Artes, Pontevedra) ou David Lamelas (MARCO, Vigo) entre outros.

Recibiu a bolsa de creación artística da Fundación Laxeiro de Vigo, a bolsa de produción do programa Mugatxoan e a Axuda á Produción Artística do Centro Cultural Montehermoso Kulturenea de Vitoria. Actualmente a súa obra, que podería definirse como interdisciplinar, está presente en exposicións de arte contemporánea en centros de recoñecido prestixio (CGAC, MARCO, MAC, Círculo de Belas Artes, etc..) así como en numerosas coleccións privadas e/ou públicas, como no CGAC (Santiago de Compostela) ou o Museo de Arte de Santander (Cantabria) entre outras.

  •  María Marco | Comisaria

Crítica, investigadora e comisaria independente de arte contemporánea. Licenciada en Humanidades e doutora sobresaínte cum laude en Belas Artes pola Universidade de Vigo cunha tese sobre o retorno da textualidade na práctica artística contemporánea. Tamén conta cun  Máster en Museoloxía, Crítica e Comisariado Contemporáneo por la USC.

En 2019 recibe o II Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea do CGAC  con Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea e en 2020 resultou gañadora do XXXVII Premio Xerais de novela (2020) con Coidadora

Colabora desde 2014 no suplemento El 14 Cultural do xornal El Mundo cubrindo a área de arte contemporánea en Galicia, ademais de escribir para diferentes plataformas editoriais coas que colabora de maneira habitual, como DotMagazine ou a revista mensual Tempos Novos. En xuño de 2012 funda a revista www.pletora.es, un proxecto editorial en internet especializado en arte contemporánea. Comisariou a tempada 2016-2017 en Lab_in Gallery (Vigo).

Ten recibido varias bolsas de produción e investigación, con estancias na escola MASSART (Massachussetts Art College, Boston, MA, OEUA), Kulturmodell en Passau (Alemaña) ou a Facultade de Belas Artes de Barcelona. Tamén cursou obradoiros con Isidoro Valcárcel Medina, Seiko Mikami, Sota Ichikawa, HANGAR-Barcelona (YPproductions, La Pinta, Joan Morey ou Mounir Fatmi) ou Dora García.  Ten colaborado en diversos proxectos coa Fundación Serralves (Oporto, 2009 e 2010), a LABoral (Gijón, 2010), o Concello de Santiago (2012), o Concello de Vigo (2014) ou a Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela, 2011).

 Como comisaria recibiu o premio de comisariado do Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC (2012) por Políptico. Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio, co artista Enrique Lista, e en 2016 foi a gañadora, na modalidade de comisariado, da Convocatoria de Apoio á Creación en Artes Visuais de Zona "C", Concello de Santiago (Santiago de Compostela).