A exposición Nicolás Muller en Galicia recolle unha selección de 50 fotografías das máis de 700 que o autor tirou durante as súas viaxes á Comunidade. Máis da metade das imaxes que se exhiben son inéditas, convertendo a esta exposición nunha oportunidade única para achegarnos á Galicia dos anos 60 a través da ollada dun dos fotógrafos máis recoñecidos do século XX.
Este proxecto expositivo, comisariado por José Ferrero, nace á raíz da mostra Nicolás Muller. Vento Norte, que se puido verse no Museo Centro Gaiás no 2023 e que visitaron máis de 14.000 persoas. Co fin de achegar a súa obra a outras localidades nace esta nova exposición que, tras pasar polo Museo do Mar de Galicia en Vigo, agora viaxa a Sede Afundación en Lugo.

Nicolás Muller (Oròsháza, Hungría 1913 - Llanes, Asturias 2000) viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pediu a creación de fotografías para unha serie de libros que debían mostrar unha imaxe moderna de España co obxectivo de romper o seu illamento e, ao mesmo tempo, tornala atractiva para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, a ollada de Muller ao territorio e as súas xentes é fondamente humanista. Na súa fotografía destaca o protagonismo de mulleres e nenos, aos que retrata cunha sensibilidade particular. Muller era capaz de comunicarse coa súa cámara e de captar momentos da vida cotiá, como xogos infantís, sorrisos e olladas cómplices, cunha humanidade especial que foxe do espectáculo ata nos seus retratos das clases traballadoras e máis desfavorecidas.

A mostra, que tamén conta cunha peza audiovisual que contextualiza a figura de Muller dende unha perspectiva actual, articúlase ao redor de cinco temas chave que capturan os temas principais aos que Muller dedicou o seu traballo: o territorio; o mercado; o mar; a muller e o traballo; e o urbanismo e a modernidade.
Unha vida á procura da liberdade
| Nacido en Oròsháza (Hungría) en 1913, no seo dunha familia xudía non relixiosa e burguesa, Nicolás Muller estudou Dereito e Ciencias Políticas seguindo a tradición familiar, aínda que desde neno a fotografía foi a súa verdadeira vocación. As súas primeiras colaboracións fotográficas, realizadas durante a súa etapa universitaria, mostran a extrema dureza na que se desenvolve a clase traballadora húngara, especialmente no campo. As agresións xenófobas que sufriu e presenciou desde novo, así como os perigos que intuíu en Hungría e Austria antes do estalido da Segunda Guerra Mundial, levárono a abandonar o seu país natal. | ![]() |
Despois, viaxa a Francia, onde desenvolve e enriquece a súa formación como fotógrafo documental. Tras unha breve estancia en Portugal, en 1939 acaba recalando en Tánxer onde pon en marcha o seu propio estudo fotográfico.
En 1948 chega a España da man do asturiano Fernando Vela, co que colabora en varias publicacións españolas como o diario España de Tánxer ou o Instituto de Estudios Políticos. Establece o seu estudo fotográfico en Madrid e desenvolve unha intensa actividade cultural participando en faladoiros cos intelectuais e artistas do momento e retratando á maior parte deles. Así mesmo, realiza numerosos encargos que o levarán por toda a xeografía do país. En 1961 obtén a nacionalidade española.
Fernando Vela convídao a coñecer Asturias e Nicolás Muller fica namorado da rexión, sobre todo da paisaxe do oriente asturiano. En Andrín (Llanes) constrúe unha casa que pasará a ser o seu lugar predilecto de descanso e refuxio na súa xubilación ata o seu falecemento en xaneiro do ano 2000.
A mostra forma parte das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura, que teñen como fin achegar proxectos que se xestán no Gaiás a outros territorios para facer accesible a cultura a toda a poboación, independentemente do lugar no que vivan.














