Mulleres sobranceiras. Olga Gallego

O Arquivo de Galicia pon en marcha o 7 de marzo de 2016, na antesala da celebración do Día da Muller, a serie expositiva Mulleres Sobranceiras, coa que se pretende poñer en valor e dar a coñecer, a través de mostras documentais, a vida e a obra de mulleres que levaron a cabo un destacado labor en diferentes ámbitos profesionais. 

A relevancia da figura de Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923-2010) na arquivística española, a súa preocupación constante polo desenvolvemento do sistema arquivístico e a conservación do patrimonio galego así como a doazón que a súa irmá fixo do seu arquivo persoal ao Arquivo de Galicia, no ano 2011, fana merecedora da primeira mostra desta serie de homenaxes dedicadas ás mulleres galegas. 

Procedentes, fundamentalmente do seu arquivo persoal, os documentos da mostra que inaugura a serie Mulleres sobranceiras abordarán as múltiples facetas da vida de Olga Gallego. Comprometida co patrimonio, a historia e a cultura (o libro e as bibliotecas, a lingua e a literatura, a arte, o urbanismo, a arqueoloxía, a museoloxía etc.) e colaboradora activa con institucións como a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo, o Grupo Marcelo Macías ou Anabad Galicia.

Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923-2010) foi unha destacada historiadora, mestra de varias xeracións de arquiveiros e arquiveiras, e docente. Membro correspondente da Real Academia da Historia e numeraria da Real Academia Galega, a súa preocupación constante por múltiples aspectos relacionados coa historia económica, social e administrativa de Galicia en xeral e da súa cidade, Ourense, en particular; a súa extensa obra, que supera o centenar de títulos, froito dos seus estudos, e o seu espírito xeneroso fixérona merecedora de distincións como o Lazo da Orde de Alfonso X o Sabio (1969), a Medalla de Anabad (1999), a Medalla de Prata de Galicia da Xunta de Galicia (2000), a Medalla Castelao (2006) ou o Premio Trasalba, da Fundación Otero Pedrayo (2008). 

 
Exposicións