A exposición Historias LGBTI da Galicia Orgullosa é un arquivo inédito de relatos de onte, hoxe e mañá que ten como obxectivo de tecer unha historia máis ampla e diversa de Galicia. O proxecto está impulsado pola Xunta de Galicia no marco da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTI, que se celebra cada 28 de xuño. Poderá visitarse no andar 0 do Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura ata o 7 de setembro de 2025, logo de ter sido inaugurada orixinalmente no edificio da Pirámide de San Caetano.
A mostra recolle imaxes históricas de casos coñecidos, como o de Elisa e Marcela, e doutras experiencias vitais con menos eco como a de Maruja Roca, Manolito Soler ou Dalia Flores. Tamén se recollen momentos históricos do colectivo LGBTI galego, como a primeira celebración en Galicia no ano 1980 do Día Internacional do Orgullo Gai, o nacemento dos primeiros grupos de liberalización homosexual ou a posta en marcha das denominadas Comisións de Lesbianas da Asociación Galega da Muller (AGM).
O poder da simboloxía: encaixe e a cor rosa
O deseño dos paneis inspírase no encaixe de Camariñas, como símbolo de tradición e comunidade en Galicia. Así, igual que cada fío do encaixe constrúe unha rede complexa e bela, cada historia das persoas LGBTI contribúe a tecer unha memoria compartida, diversa e afectiva. Por outra banda, a cor rosa, que vertebra a proposta, foi resignificado polo movemento LGBTI como símbolo orgullo, memoria e resistencia e agora convértese na cor dunha Galicia Orgullosa.
O proxecto complétase cun arquivo dixital colaborativo aberto á cidadanía que parte dunha selección de imaxes históricas e actuais para que calquera persoa poida achegar fotografías e historias que axuden a construír un relato máis diverso, máis afectivo e real da historia galega.
Esta iniciativa conta co acompañamento e traballo da investigadora Daniela Ferrández, como especialista en memoria LGBTI. Tamén foi posible grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega a través de diversas fotografías do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, Fondo especial MOFG e LGBTIQ+, así como do arquivo familiar de Maruja Roca, cunha das fotografías incluídas no libro O feitizo de Maruja Roca, editado pola Central Folque, coa edición fotográfica de Eutropio Rodríguez e os textos de Nieves Neira.













