«H+E», de Isabel Merchante e Óscar Manrique | Intervención artística gañadora EAN13

No mundo da arte, o tempo e o espazo converxen nunha danza eterna, entrelazando pasado, presente e futuro nun fluxo constante de significados e emocións. Neste contexto, a instalación interactiva efémera H+E emerxe como un tributo á colaboración humana, inspirándose no acto de compañeirismo e homenaxe entre dous creadores: o momento en que a visión das torres de John Hejduk é materializada pola dedicación de Peter Eisenman.

Deseñada para funcionar coa participación activa de polo menos dous individuos, H+E procura a creación dun instante único: a torre de cristal e a torre de pedra conéctanse a través dunha barra que, ao ser tocada nos seus extremos polas persoas visitantes, crea unha atmosfera visual única e mutable a través dunha instalación suspendida de cables de fibra óptica e luces led que lembran a conexións neuronais, ramificacións vexetais ou ao escintileo das estrelas.

En H+E tomamos conciencia do tecido atemporal de experiencias e emocións que nos conecta a través do tempo e do espazo. Alén diso, ao explorarmos a instalación, non só somos persoas espectadoras, senón tamén participantes activas dunha reflexión sobre o noso papel no mundo: en cada interacción atopamos un recordatorio da nosa capacidade para unirnos, colaborar e crear un legado que perdure. Un tributo á forza transformadora da colaboración e da creatividade humana e á inesgotable riqueza simbólica da arte.

Proxecto gañador do XIII Encontro de Artistas Novos

H+E é unha alegoría da amizade que uniu aos arquitectos John Hejduk e Peter Eisenman, e que se materializou na construción destas dúas torres no Gaiás tralo falecemento de Hejduk, malia non formaren parte do proxecto orixinal da Cidade da Cultura. Orixinalmente deseñadas como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís, Peter Eisenman propuxo a construción das Torres Hejduk no Gaiás tras a morte no ano 2000 do seu amigo e compañeiro no grupo arquitectónico estadounidense coñecido como The New York Five. As dúas torres convertéronse así no primeiro edificio que se erixiu no complexo, e tamén nun dos máis icónicos da Cidade da Cultura e de Santiago de Compostela.

Presentada pola artista visual Isabel Merchante e o crítico, comisario e historiador da arte Óscar Manrique, a proposta foi seleccionada como gañadora entre un total de 12 proxectos recibidos ao Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os creadores e creadoras participantes no XIII Encontro de Artistas Novos, EAN13. Esta convocatoria procura dar visibilidade a artistas emerxentes, ofrecéndolles un espazo expositivo non convencional a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea recoñecida e consolidada como é o EAN.

Biografías dos artistas

Isabel Merchante (Madrid, 1999) é artista visual, graduada en Belas Artes e Deseño pola Universidad Francisco de Vitoria en Madrid,  cursando o master Contemporary Art Practice no Royal College of Art de Londres, onde reside actualmente. Realizou exposicións individuais como Harmony, en MARTE, Castellón (2022) e Refugio de las luces en Biblioteca Xenius, Madrid (2022), participando tamén en exposicións colectivas no Círculo de Bellas Artes de Madrid, no Centro de Arte Moderno de Tetuán (Marrocos), en Matadero Madrid ou na Galería 12:00 de Bogotá, entre outras. En 2023 foi premiada nos XXXIV Circuitos de Artes Plásticas da Comunidade de Madrid e recibiu tamén o 1º Premio Anual We:Now.

Óscar Manrique (León, 1994) é comisario independiente, crítico e historiador da arte especializado en arte contemporánea e cultura visual. As súas investigacións céntranse nunha antropolóxica da imaxe, estudando as metamorfoses que estas poden sufrir no mundo contemporáneo. Traballa tamén desde unha arqueoloxía do presente, centrada no residuo, o cotiá, o kitsch e, en definitiva, todo aquilo que historiografía desbotou e que serve para establecer novas e diversas lecturas, especialmente aquelas que previsualizan xeitos de mirar o futuro. Desde 2023 dirixe a galería Ginsberg + TZU xunto a Claudia Pareja no barrio madrileño de Carabanchel.