Galicia futura | Todo o que imos ser

Como imaxinas a Galicia futura? Esta exposición sae á procura de respostas a esta pregunta a través dun suxestivo diálogo entre arte e ciencia, entre tecnoloxía e creatividade.

Comisariada por Deborah García Bello e Miguel Ángel Cajigal Vera, Galicia futura é o terceiro gran proxecto expositivo da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura con motivo do Xacobeo 21·22 e pecha o ciclo iniciado con Galicia, un relato no mundo e Galicia, de Nós a nós.

A mostra toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa comunidade en diferentes campos. Explora así un futuro desexado e posible, partindo do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda. Galicia futura afonda tamén no noso pasado para identificar comportamentos e procesos que constrúen o futuro, poñendo o acento nunha escolma de pezas destacadas que representaron no seu momento un pulo decidido cara ao futuro en diversos eidos.

Amosar o que se está a facer desde distintas áreas do coñecemento, facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión, e procurar as claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia son os obxectivos dunha mostra viva, que quere transcender as paredes do Museo Gaiás e impulsar procesos creativos propios. Por iso, exhibiranse pezas artísticas creadas especificamente para este proxecto por destacados nomes das artes plásticas, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega, que contribuirán á visión diversa e coral que tenta ofrecer a exposición.

Comisariado

Deborah García Bello (A Coruña, 1984), @deborahciencia, é química e divulgadora científica. Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de transferencia científica de L'Oréal. Traballa como divulgadora en TVE, La Sexta, TVG, Radio Nacional ou a Radio Galega. Foi galardoada cos premios Prisma, Bitácoras e Tesla á divulgación científica.

Miguel Ángel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), @elbarroquista, é historiador da arte e divulgador cultural. Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Máster en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes. É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con medios como a Radio Galega, Onda Cero, TVE ou La Voz de Galicia.