Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970)

Durante este 2022, Galicia está a render homenaxe ao pintor galego máis relevante do século XX, José Otero Abeledo,Laxeiro (Lalín 1908 – Vigo 1996), despois de que a RealAcademia Galega de Belas Artes decidira dedicar o Día das Artes deste ano ao xenial artista, un dos pais da vangarda pictórica galega. Con motivo do Ano Laxeiro organizouse un amplo programa no que a exposición Foi un home. Laxeiro en Ámerica (Buenos Aires, 1950-1970) figura como a proposta protagonista.

O Goberno galego, a través da Fundación Cidade da Cultura e en colaboración co Concello de Lalín, organiza esta mostra co obxectivo de difundir o legado dun dos grandes renovadores da pintura galega dentro e fóra de Galicia. Así, ademais de no Museo Ramón María Aller (Lalín), na que foi inaugurada en abril nun formato máis pequeno, tamén gozou dunha estadía na prestixiosa Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid), unha das institucións culturais máis lonxevas de España, que acolleu por primeira vez unha restrospectiva dedicada a Laxeiro.

O Museo Centro Gaiás recibe agora esta exposición centrada na época arxentina do artista, que continuará co seu percorrido internacional viaxando a París, onde quedará instalada no Instituto Cervantes co apoio da Embaixada de España en Francia.

   

 

OBRAS DA ETAPA DE MADUREZ NA ARXENTINA

Comisariada por Carlos L. Bernárdez, historiador e crítico de arte, Foi un home. Laxeiro en América (Buenos - Aires, 1950 -1970) reúne corenta pezas procedentes de diversas institucións como o Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, o Museo de Pontevedra ou Afundación, centradas na época de madurez deste lalinense internacional que se instalou en Arxentina durante vinte anos, mergullándose no ambiente intelectual da capital porteña, foco da emigración e o exilio galego.

A mostra quere desenvolver así unha nova ollada sobre a obra de Laxeiro. E é que durante esa época o pintor mantén unha enorme fidelidade aos temas galegos da súa formación, pero vai sufrir unha intensa evolución formal.

  • Pinturas que seguen a pauta do Laxeiro máis recoñecible, entre as que destacan Músicos (1955), Centaura (1961) ou O martirio do boneco Ramón (1966)
  • Pequena reprodución da mostra de arte galega de 1951 en Buenos Aires, con obras de Laxeiro como Amanecer (1940-1950) e outros artistas como Luis Seoane con Ruínas da guerra (1949) ou Carlos Maside con Rúas de Vigo (1948).
  • Obras representativas da evolución do seu estilo durante o período arxentino, entre as que hai que salientar O Mundo (1964), unha peza de gran formato escasamente exhibida en público, ou Retrato (1960-1970).
  • Pezas nas que se representa a descomposición dos rostros, algo moi recorrente no período arxentino no que dá a sensación de que Laxeiro pretende “expresar”  máis que “representar”. Atopamos neste apartado obras como Foi un home (1963), Xefe Azteca (1964) ou O Espanto (1962)
 
 

SOBRE LAXEIRO

 
 
A figura de José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996) enmárcase na Vangarda histórica galega, na que, a principios dos anos trinta, un inquedo grupo de novos artistas e intelectuais, coñecido como Os Renovadores, iniciou un proxecto de actualización estética.
 

En 1951 viaxa a Buenos Aires para participar na exposición titulada Artistas galegos, organizada polo seu amigo Luis Seoane por encargo do Centro Galego de Buenos Aires, na Galería Velázquez.  Desde entón fixa a súa residencia na capital arxentina ata 1970. Alí, incorpórase ao núcleo fundamental da cultura galega en América.

En 1970 regresa definitivamente a España e falece en 1996 en Vigo, con 88 anos.

 

 
 *Fotos cedidas: Arquivo Fundación Laxeiro.
 
Exposicións
 
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h