A exposición Diálogos reúne o traballo dos fotógrafos Jorge Meis e José Pardo nun proxecto que propón unha nova ollada sobre Ferrol desde a convivencia entre dúas miradas que dialogan entre si. Ambos autores, profundamente vencellados á cidade, constrúen un relato visual no que a experiencia persoal e o coñecemento do territorio se converten en eixo central.
A mostra, comisariada polo artista Eduardo Hermida, preséntase como unha conversa aberta entre dous modos de ver: Pardo e Meis comparten escenarios, mais interprétanos de maneira diferente, dando lugar a unha beleza complementaria. A combinación de gamas de grises, próximas ao trazo dun lápis brando, con paletas cromáticas máis expresivas, amplía a percepción da cidade e ofrece un mapa emocional e contemporáneo de Ferrol.

A exhibición desta mostra en Santiago de Compostela engade un valor estratéxico dentro do ecosistema cultural galego. Ferrol, porto e punto de partida do Camiño Inglés, e Santiago, meta histórica da ruta, configuran un diálogo territorial que reforza o sentido da mostra. Presentar estas imaxes en Santiago permite conectar simbolicamente o inicio e o final do Camiño, convidando ao público a descubrir a cidade que está na orixe da travesía.
Sobre José Pardo e Jorge Meis
Jorge Meis é fotógrafo e colaborador do Diario de Ferrol desde 1998. Ao longo da súa traxectoria realizou exposicións individuais en espazos como O Patacón da Coruña, o Estudio Tría de Santiago, o Centro Cultural Carballo Calero de Ferrol, o Estudio 34 de Ourense —dentro do Outono Fotográfico—, o Concello de Pontedeume e o Centro Torrente Ballester. Participou tamén en destacadas mostras colectivas en Madrid, Gijón, Ferrol, Santiago ou Chaves (Portugal). Foi recoñecido con premios como Galicia en Foco (Foto do Ano, 2003) e varios primeiros premios en concursos fotográficos municipais e culturais. Publicou os libros Sal en la memoria (2020), con textos de Gabriel Aúz, e Ferrol (2021), editado por Bululú.
José Pardo, licenciado en Imaxe e Son, traballa como fotoperiodista en La Voz de Galicia desde 1993. Combina a súa actividade profesional coa participación en exposicións individuais e colectivas, así como coa publicación de libros e proxectos fotográficos institucionais e culturais, entre os que destacan Jofre (2005), As Meninas de Canido (2010), A Magdalena. Vista por José Pardo (2009), Embarcacións Tradicionais Galicia. Pasado e presente (2013) e Tell el-Far´a, arqueoloxía en Palestina (2021). Participou tamén en proxectos de igualdade, na edición de libros autoeditados (Cidade, Ancladas, W123) e en proxectos arqueolóxicos en Palestina e Siria. Recentemente, en 2025, presentou o proxecto expositivo itinerante Diálogos xunto con Jorge Meis na Fundación Exponav.













