Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller 2021 | Chicas nuevas 24 horas

Con motivo do 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, a Cidade da Cultura pon en marcha este mes de novembro unha serie de actividades ao redor da exposición Chicas nuevas 24 horas, iniciativa desenvolvida a partir do documental do mesmo título que busca sensibilizar á cidadanía para a prevención da trata de persoas con fins de explotación sexual.

Ademais da exposición, que estará aberta ao público do 19 de novembro ao 5 de decembro de 2021 no Museo Centro Gaiás, as actividades inclúen a proxección do filme, visitas didácticas para o alumnado de secundaria e bacharelato e un acto institucional de presentación o propio 25 novembro, no que participará a directora do documental, Mabel Lozano.

O documental

Chicas nuevas 24 horas naceu como un documental escrito e dirixido pola activista e cineasta social Mabel Lozano para denunciar a compravenda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual. Rodado en España, Arxentina, Colombia e Perú, o filme estivo nomeado aos Premios Goya e aos Premios Platino como mellor longametraxe iberoamericana. Ademais de proxectarse en numerosos festivais internacionais, o documental viuse xa en máis de 50 universidade de todo o mundo e 100 institutos de España.

Este mes de novembro poderá verse tamén na Cidade da Cultura, en dous pases de balde os días 25 e 27 de novembro ás 17 horas. Para asistir ás proxeccións é necesario reservar praza a través da web.

A exposición

Chicas Nuevas 24 horas exposiciónConcibida a partir do documental, a exposición Chicas nuevas 24 horas achéganos ao mundo clandestino, desprovisto de calquera humanidade, que rodea o lucrativo negocio da trata. A través dunha selección de imaxes obtidas na viaxe-rodaxe do filme, as visitantes poderán coñecer as testemuñas das propias vítimas e percorrerán o proceso de cousificación que supón esta problemática social. A mostra estará aberta ao público xeral do 19 de novembro ao 5 de decembro de 2021 no Museo Centro Gaiás. 

Esta exposición pon o acento na prevención e na concienciación, en especial entre a xente moza, sobre a traxedia oculta e silenciosa da explotación sexual. Chicas nuevas 24 horas pretende conseguir unha maior implicación social na súa erradicación, que pasa pola súa visualización e pola redución da demanda destes servizos sexuais, dende o compromiso e a responsabilidade social.

Para o alumnado de secundaria e bacharelato, a Cidade da Cultura programou xornadas especiais con visita guiada á mostra e unha serie de dinámicas interactivas dirixidas a promover a sensibilización e o debate entre a mocidade. 

A exposición Chicas nuevas 24 horas é un proxecto de Mabel Lozano e do comisario Juan Nicolás realizado coa promoción da Fundación Cepaim e o apoio do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.

Mabel Lozano, cineasta e activista 

Guionista, produtora e directora de cine social, Mabel Lozano iniciou a súa traxectoria detrás das cámaras no ano 2007 co documental Voces contra la trata. Dende entón, dirixiu tanto longametraxes como curtas e campañas de organismos públicos e privados, sempre comprometidas co mundo da muller e os dereitos humanos. O seu último traballo, Biografía del cadáver de una mujer (2020) recibiu o Premio Goya á mellor curtametraxe documental na edición 2021 dos galardóns que outorga a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España.

A explotación sexual é un tema central na filmografía de Mabel Lozano. Pezas como Voces contra la trata (2007), Escúchame (2010), Chicas nuevas 24 horas (2015), El Proxeneta. Paso corto, mala leche (2018) —adaptación do libro publicado pola cineasta ese mesmo ano— e Biografía del cadáver de una mujer (2020) afondan no problema da trata de mulleres e nenas, dando voz ás vítimas pero tamén destapando ao detalle as tramas delitivas e as formas de manipulación que adopta un negocio que move máis de 32.000 millóns ao ano en todo o mundo.

A maternidade, o empoderamento da muller, a violencia de xénero, o cancro de mama, os linchamentos a mans de civís en Bolivia ou a denuncia das barreiras físicas, sociais e de xénero que enfrontan as persoas con discapacidade son tamén temas que a cineasta abordou nas súas obras, e polos que ten recibido diversos recoñecementos a nivel español e internacional.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas