Día dos Museos 2022 | O poder dos museos

Os museos teñen o poder de transformar o mundo: como lugares de descubrimento, amósannos o noso pasado e abren as nosas mentes a novas ideas e a dar pasos para construír un futuro mellor. Por iso, O poder dos museos é o lema escollido en 2022 polo ICOM (Consello Internacional de Museos) para festexar o seu día no 18 de maio. 

E o Museo Centro Gaiás quere sumarse unha vez máis á celebración do Día Internacional dos Museos convidándote a aproveitar esta semana para visitarnos, mergullarte nas nosas exposicións, coñecer o funcionamento e os segredos que agocha o Museo e gozar do noso programa de visitas comentadas: 

Baixo a pel do Museo | Do 18 ao 22 de maio 

Un programa de visitas especiais para festexar o 10º aniversario do Museo Centro Gaiás. Desvelamos as entrañas e os recantos agochados deste sofisticado edificio —preparado para acoller exposicións de grande formato ou propostas culturais e eventos de natureza moi diversa— entrando ata en zonas normalmente restrinxidas ao público. Amosámosche espazos habitualmente agochados, pero imprescindibles para o desenvolvemento da súa actividade e para comprender o proxecto da Cidade da Cultura. [+ info e entradas AQUÍ]

Visitas comentadas á exposición «Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924-2020» | 17, 19, 21 e 22 de maio

Da man do equipo de guías do Museo Centro Gaiás, esta visita comentada percorre 100 anos da historia da arte e do deseño a través dun dos movementos artisticos que máis fonda pegada deixou no inconsciente colectivo: o Surrrealismo. A exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924 – 2020 abrangue dende cinema a pintura, pasando por fotografía, cinema, moda e obxetos de mobiliario e interiorismo asinados por Man Ray, Dora Maar, Salvador Dalí, Charles e Ray Eames, Antoni Gaudí, Meret Oppenheim ou Le Corbusier entre outros. Non a perdas! [+ info e reservas premendo AQUÍ]

Visitas comentadas á exposición «Xacobeo. As pegadas do Camiño» | 18, 20, 21 e 22 de maio

Podes visitar Xacobeo. As pegadas do Camiño só ata o 29 de maio e, para afondar máis no seu significado e no que representan as súas pezas, adentrándote no fénomeno da peregrinación a Santiago máis polo miúdo, reserva praza para as nosas visitas comentadas! O equipo de guías da Cidade da Cultura de Galicia ofrecerache un excepcional percorrido polo legado cultural que nos deixaron as rutas xacobeas desde a Idade Media ata os nosos días. [+ info e reservas premendo AQUÍ]