Baixo a pel do Museo | Visitas comentadas especiais

Festexamos os 10 primeiros anos do Museo Centro Gaiás lanzando un programa de visitas comentadas singulares que vos levará a coñecer as entrañas e os recantos agochados deste sofisticado edificio —preparado para acoller exposicións de grande formato ou propostas culturais e eventos de natureza moi diversa— entrando ata en zonas normalmente restrinxidas ao público.

Conducidos polo noso equipo de guías e con medidas especiais de seguridade no acceso a algunhas áreas, as persoas participantes en Baixo a pel do Museo percorreredes a estrutura que sostén este edificio de 16.000 metros cadrados e 43 metros de altura.  Visitaredes a abraiante zona das baixocubertas, descubriredes solucións técnicas singulares, como o montacargas con capacidade para 146 persoas ou elevar un máximo de 11 toneladas (o peso de tres coches), e descenderedes ata a galería subterránea pola que acceden as obras de arte que chegan ao Museo e que conecta todos os edificios a través do subsolo.

Tamén descubriredes curiosidades rechamantes, como as ilusións ópticas dalgúns dos elementos arquitectónicos, os segredos que agochan no seu interior os piares, a espectacular fachada de cristal onde cada peza é diferente, ou a torsión do edificio que permite protexer as obras exhibidas do impacto directo da luz solar.

Este percorrido para afondar nesta complexa obra do arquitecto Peter Eisenman e comprender o seu funcionamento terá lugar só en tres semanas especiais desta primavera: na Semana Santa (do 9 ao 17 de abril, coa excepción do luns 11), coincidindo cos festexos do Día dos Museos (do 18 ao 22 de maio) e polo 10º aniversario do Museo Centro Gaiás (co 14 ao 19 de xuño). 

Xa podes consultar horarios e mercar entrada premendo NESTA LIGAZÓN, ou na billeteira do Museo Centro Gaiás.

IMPORTANTE: Normas para o acceso á visita 

  • O percorrido de Baixo a pel do museo inclúe o acceso a zonas de acceso restrinxido que deben realizarse con medidas adicionais de seguridade. Os elementos de seguridade precisos serán aportados pola organización.
  • Deberán seguirse en todo momento as indicacións do persoal responsable da actividade.
  • O percorrido ten unha duración estimada de 90 minutos e conta con escaleiras, non sendo apto para persoas con dificultades de mobilidade, cadeiras de rodas ou carriños de bebé.
  • Prégase vestir calzado cómodo e non levar obxectos colgantes nin roupa frouxa.
  • O percorrido inclúe as baixocubertas do Museo. Nesta zona, o acceso está contraindicado para persoas con vertixe, medo ás alturas, claustrofobia… Nestes casos, ofrecerase un percorrido alternativo durante o desenvolvemento da visita.
  • Actividade a partir de 12 anos (salvo o acceso ás baixocubertas, que se restrinxe só a maiores de 16 anos). As persoas menores de idade deberán estar sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable.
 
Visitar