Día dos Museos 2019 | Os museos como eixos culturais: o futuro da tradición

Un ano máis no Gaiás volvemos sumarnos ao Día Internacional dos Museos (DIM) cun programa de actividades, enteiramente de balde, que non has querer perder. O DIM2019 organízase co lema Os Museos como eixos culturais: o futuro da tradición, unha temática que precisamente está moi presente nas exposicións que se poden visitar actualmente no Museo Centro Gaiás e que enxalzan a nosa tradición como alicerce cultural e como valor de futuro da vangarda artística.

O sábado 18 de maio, o Museo Centro Gaiás será pois un fervedoiro de actividade con visitas comentadas especiais ás exposicións e á arquitectura da Cidade da Cultura de Galicia e obradoiros de artesanía nos que se conxuga tradición e creación contemporánea.

Unha das actividades centrais da xornada será o obradoiro colectivo de cestería con dúas das nosas artesás cesteiras máis internacionais e vangardistas: Idoia Cuesta e Julia de la Cal. Ao longo de toda a fin de semana todas as persoas participantes tecerán conxuntamente con vimbio e aplicando unha técnica de cestería intuitiva similar á que empregan os paxaros para tecer os seus niños. O resultado será unha estrutura de gran tamaño con formas orgánicas que fluirá no hall do Museo Centro Gaiás onde quedará instalada ata o vindeiro mes de setembro.

Ademais, para pórlle o toque lúdico a esta xornada festiva para os museos de todo o mundo, todas as persoas participantes están convidadas a unha sesión vermú moi especial, coa colaboración de Petroni e Aguas de Mondariz e co piano-bar de Le BarLuthier e a súa música ambientada nos anos 30 e 40 agárdanvos de 13.00 a 14.00. Será no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás.

Programa completo do Día dos Museos 2019

[Consulta máis información sobre cada actividade pinchando nos enlaces]

  • Enleadas: Obradoiro colectivo de cestería con Idoia Cuesta e Julia de la Cal | 10.30-14.00h e 16.00-20.00h
  • Edición especial de Gaiás Secreto, centrada no edificio do Museo Centro Gaiás e con entrada de balde | 11.30-13.00h
  • Obradoiro-demostración de elaboración de sancosmeiros | 12.00-14.00h e 17.00-19.30h
  • Obradoiro-demostración de torneado cerámico | 12.00-14.00h e 17.00-19.30h
  • Visitas especiais ás exposicións Valor e mestría e Pensar coas mans cos seus comisarios Rubén Ventureira e Verónica Santos | 11.30-19.30h
  • Vermú musical co piano-bar de Le BarLuthier no Hall de Tirantes do Museo | 13.00-14.00h
  • Descontos nos prezos dos catálogos das exposicións do Museo Centro Gaiás: [-20% nos catálogos das exposicións en curso e -40% nos catálogos de exposicións anteriores]

 

 
Visitar
 
 
Domingos e festivos
11.30 horas
Sábados |Semana Santa, xullo e agosto: xoves, venres e sábados
11.30 HORAS
8 XUÑO
12 HORAS