Descubrindo obras singulares da Biblioteca de Galicia

Con motivo da celebración do Día do Libro, o 23 de abril, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, quere pór en valor algunhas das obras que custodia. Trátase dunha pequena colección de títulos que foron seleccionados polos técnicos da biblioteca co obxectivo de mostrar aquelas obras que poidan resultar máis atraentes para os seus usuarios e usuarias.

Entre as obras expostas poderase ver o incunable máis antigo da biblioteca, e por tanto o impreso máis antigo, Sermones in patientia in Job. Está impreso por Johan Senseschmidt, o primeiro impresor da cidade alemá de Nuremberg, que co tempo sería un dos centros impresores máis importantes de Europa. Pertence aos fondos depositados por ABANCA. Este exemplar é o único conservado en España desta edición.

Tamén se poderá ver a edición facsimilar máis pequena da biblioteca, o Libro de Horas de Dña Mencía de Mendoza. A calidade das iluminacións e miniaturas, de case imposible axuste en tan pequeno espazo, dan un especial valor a este famoso libro de horas.

Outras obras expostas serán 2 viaxes, de Xaquín Marín e Reimundo Patiño, que foi o primeiro cómic en galego, ou o Diario de La Coruña, publicación seriada máis antiga que se conserva na biblioteca e un dos primeiros periódicos editados en Galicia.

Ademais expoñeranse libros curiosos como os Minilibros para soñar, da editorial Kalandraka, como mostra do fondo de literatura infantil e xuvenil que ten a biblioteca, ou un exemplar da obra Jinjyo shougaku doku hon, libro de xaponés para educación primaria, que pertence á Biblioteca de Manuel Díaz Rozas, doada por Isaac Díaz Pardo.

Para completar esta pequena mostra non poden faltar obras senlleiras da literatura galega como a primeira edición de Follas Novas, publicada na Habana en 1880, e que recolle o que Rosalía pretendía fose a continuación de Cantares Gallegos.

 
Exposicións
 
29 AGOSTO-15 DECEMBRO
De 10 a 20 horas
19 SET - 5 XAN 2020
De 10 a 20 horas
14 NOV 2019 - 12 ABR 2020