Concepción Arenal | A lei é a conciencia da humanidade

O nome de Concepción Arenal dálle nome a un colexio, a un instituto, a unha rúa ou unha praza, ou a unha institución pública. Pero, por que nalgún momento alguén decidiu darlle tal honor á posuidora de tal nome?

Porque Concepción Arenal, nada hai 200 anos, foi ensaísta, diplomada en dereito, periodista, defensora dos dereitos da muller e dos sectores máis desvalidos da sociedade, reformista, poeta, dramaturga, traballadora social, defensora do papel humanitario das persoas e das institucións. No entanto, apenas é recordada, a pesar de ter sido a pioneira dos posterior movemento feminista e reformadora do sistema penitenciario e defensora dos presos.

Para pór en valor a importancia desta muller pioneria e imprescindible, a Biblioteca de Galicia abre esta pequena mostra cunha escolma da inmensa produción intelectual desta muller incomparable cunha selección de 65 obras dos seus fondos.

A exposición, que se poderá visitar no vestíbulo do Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia ata finais de ano está artellada ao redor de seis eixos temáticos:

A primeira das vitrinas está adicada ás biografías publicadas sobre Concepción Arenal.

Na segunda móstranse algunhas das súas primeiras composicións: poemas, obras de teatro, artigos na prensa, fábulas en verso e tamén reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio destinada a unha das súas amigas.

Nas vitrinas 3 e 4 pódense ver algunhas das súas obras máis importantes en relación con dous dos grandes temas da súa produción intelectual, a cuestión social e o dereito. As ideas de Concepción Arenal en torno á beneficencia e o dereito penitenciario foron moi adiantadas para o seu tempo, o mesmo que o seu pensamento sobre a muller e a educación, tema ao que está adicado á penúltima das vitrinas.

Por último a Biblioteca de Galicia quere resaltar a vixencia das ideas de Concepción Arenal a través dos libros infantís publicados recentemente para non esquecer a voz poderosa desta muller excepcional.

 

 

 
Exposicións
 
 
22 XUL 2020 - 10 XAN 2021
De 10 a 20 horas
2 OUT 2020 - 17 XAN 2021
De martes a domingo | De 10 a 20 h
6 NOV - 4 ABR
De 10 a 20 horas