Castillo, escultor

A exposición Castillo, escultor mergúllase na arte de Jorge Castillo Casalderrey (Pontevedra, 1933) para pór en valor a obra escultórica deste autor galego de relevancia e traxectoria internacional. Malia ser a súa faceta creativa máis descoñecida, a escultura de Jorge Castillo comparte a grandeza da súa obra pictórica e permítenos afondar no seu proceso artístico. Nela están presentes aspectos basilares no conxunto da obra do artista, como a atención á natureza humana, á metafísica do ser, como obxecto primordial de estudo.

Trátase dunha oportunidade única para coñecer a escultura de Jorge Castillo, pois é a primeira exposición centrada integramente nesta faceta artística, e que percorre de xeito retrospectivo toda a traxectoria do autor. Mediante a escultura, o creador inventa novas formas coas que explicar o desasosego e neste desenvolvemento mantén un diálogo constante coas outras disciplinas –como a pintura e o debuxo– e vai tecendo unha obra poliédrica que muda canda o autor e que, seguindo coa súa filosofía artística, mantén unha conexión constante co pasado e sérvelle de continuidade.

A través dunha escolma de 120 obras –na súa meirande parte esculturas, pero tamén relevos, augafortes, acrílicos ou gravados–, a mostra percorre a súa extensa traxectoria, con máis de seis décadas en activo, e as súas diferentes etapas creativas, incluíndo recentes obras de grande formato e arxilas datadas nos últimos cinco anos.

A exposición está comisariada por Pilar Corredoira, historiadora de Arte Contemporánea, comisaria de exposicións, investigadora no eido da arte galego dos séculos XX e XXI e unha das maiores coñecedoras da traxectoria e persoal universo creativo de Jorge Castillo.

Biografía de Jorge Castillo Casalderrey

Nace en Pontevedra en 1933, mais pasa a súa infancia e xuventude na Arxentina. De formación autodidacta, asiste en 1949 ao taller dos artistas arxentinos Raquel Forner e Alfredo Bigatti e realiza nestes anos as súas primeiras obras, pinturas e debuxos. Nos anos 50 compaxina o traballo de deseñador na industria metalúrxica coa súa faceta artística e axiña entra en contacto coa intelectualidade galega en Bos Aires e con autores como Laxeiro, Colmeiro ou Seoane. A mediados desa década iniciou un periplo europeo que o levaría a residir ou expor en cidades como Madrid, Zaragoza, Barcelona, París, Xenebra ou Berlín, e estendeu o seu traballo aos campos da escultura e o gravado. Tamén conecta con importantes personalidades da arte como Juana Mordó ou Marienza Binetti.

A selección da súa obra para a Bienal de São Paulo en 1960 abre unha década na que consolida a súa proxección internacional e en 1980 instálase en Nova York, facéndose un oco na escena estadounidense da arte contemporánea: a Galería Marlborough de Manhattan comeza a representalo e o Guggenheim Museum adquire parte da súa obra. A día de hoxe, tras seus décadas en activo, a súa obra forma parte de importantes coleccións de arte de diferentes lugares do mundo, como o Carnegie Institute, o San Francisco Museum of Modern Art, o Albertina Museum, a Fundación Juan March, o Museo de Belas Artes de Vitoria ou a Nationalgalerie de Berlín.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h