Mergúllate no persoal universo creativo de Jorge Castillo da man do equipo de guías do Museo Centro Gaiás nesta visita comentada á exposición Castillo, escultor, unha mostra para pór en valor a obra escultórica deste autor galego de relevancia e traxectoria internacional.
Malia ser a súa faceta creativa máis descoñecida, a escultura de Jorge Castillo comparte a grandeza da súa obra pictórica e permítenos afondar no seu proceso artístico. Nela están presentes aspectos basilares no conxunto da obra do artista, como a atención á natureza humana, á metafísica do ser, como obxecto primordial de estudo. Na visita descubriremos a relación e constante diálogo entre ambas disciplinas a través dunha escolma de 120 obras, principalmente esculturas, pertencentes a diferentes etapas creativas, incluíndo as recentes obras de grande formato e arxilas datadas nos últimos cinco anos, pero tamén augafortes, acrílicos ou cadernos de viaxe.
No percorrido comprobaremos como ao longo do seu extenso percorrido artístico, con máis de seis décadas en activo, Jorge Castillo vai tecendo unha obra poliédrica que muda canda o autor e que, seguindo coa súa filosofía artística, mantén unha conexión constante co pasado e sérvelle de continuidade.
Seguridade covid-19
- Xel hidroalcólico á entrada e á saída da exposición
- Obrigatorio o uso da máscara durante toda a visita
- Mantemento a distancia de 1,5 metros entre as/os visitantes non conviventes
