10 anos da Biblioteca de Galicia | As pegadas dunha década

En 2021 cumpríronse dez anos da apertura da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura. Unha década de traballo a prol da recuperación e difusión da cultura galega que agora se traduce nunha exposición coa que pór en valor os fondos e coleccións que atesoura e achegar ao público os servizos desenvolvidos ao longo destes anos. 

Con ese fin, a mostra 10 anos da Biblioteca de Galicia. As pegadas dunha década, reúne máis de 70 pezas, con exemplares do século XV até a actualidade, entre as que atopan algúns dos elementos máis importantes da súa colección de cartografía, da hemeroteca ou do fondo de materiais especiais, alén de incunables como o Libro de las propiedades de las cosas (1494) ou Sermones de patientia in Job (1471).

Ao tempo que amosa á cidadanía a riqueza das súas coleccións, a exposición busca difundir os servizos e funcións da Biblioteca de Galicia a través de oito diferentes seccións. Algúns que xa estaban en marcha, como o catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico, ou a dixitalización de fondos galegos nas bibliotecas patrimoniais do país, vense complementados dende a ubicación do edificio do Gaiás coa posibilidade de consulta e atención a persoal investigador na propia biblioteca, e sobre todo, coa dispoñibilidade de cinco niveis de depósitos que garanten a conservación en óptimas condicións de humidade e temperatura de todas as coleccións.

A posibilidade de contar con espazos propios permitiu tamén á nova Biblioteca de Galicia levar a cabo un constante labor de difusión, mediante exposicións, obradoiros, encontros ou xornadas, dirixidos tanto a público infantil como adulto.

Con importantes coleccións e con servizos cada vez mais completos e utilizados, a Biblioteca de Galicia conseguiu nestes anos converterse nun referente fundamental da nosa produción impresa. Cun volume de consultas cada vez maior, a cultura galega conta na nosa biblioteca cun instrumento que está a converterse en indispensable para a investigación da historia de Galicia.

Esta exposición pretende achegar as primeiras pegadas dun longo camiño que só acaba de comezar.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h