A Xunta apoia a creación contemporánea coa convocatoria de catro axudas de 8.000 euros para artistas que desenvolvan proxectos no Gaiás

Santiago de Compostela, 07 de Abril de 2023

A Xunta de Galicia vén de lanzar a segunda edición das axudas ao desenvolvemento de proxectos de creación contemporánea no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. Cada persoa beneficiaria recibirá unha achega económica de 8.000 euros e realizará unha estancia de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura, nos meses de setembro a novembro de 2023.

As axudas REGA están dirixidas a creadores con propostas de vangarda ligadas ás artes visuais, escénicas, musicais e de deseño, e valorarase de maneira especial a súa conexión con outras disciplinas, atendendo ao carácter híbrido da cultura actual. Un tribunal de valoración, integrado por persoal da Fundación Cidade da Cultura e persoas de recoñecida competencia do sector cultural, seleccionará un máximo de catro proxectos, un por cada categoría.

Durante a súa residencia, a Fundación Cidade da Cultura ofrecerá a cada unha das persoas beneficiarias un espazo de traballo, recursos humanos propios de seguimento técnico do proxecto e o acompañamento dunha persoa mentora especialista en cada unha das áreas da convocatoria. O resultado poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta, e darase a coñecer de maneira pública unha vez rematada a súa estadía no Gaiás.

As candidaturas poden presentarse ata o vindeiro 3 de xullo, preferentemente de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As bases poden consultarse na súa totalidade no Diario Oficial de Galicia.

Un viveiro para a creación contemporánea

As axudas REGA 2023 e o programa de residencias artísticas encádrase no papel da Cidade da Cultura como viveiro para a creación contemporánea e afianza unha nova liña de traballo para impulsar o talento creativo en liña cos obxectivos do seu II Plan Estratéxico e cos eixos de actuación do Plan Xeración Cultura aprobado para este ano 2023.

O programa REGA defínese polo seu carácter diverso e integrador, ao dar cabida a propostas de vangarda que transitan as linguaxes da danza, as artes vivas, as escénicas, a música, a literatura, as artes visuais e as artes plásticas.

A colaboración con entidades galegas que traballan no ámbito da cultura, pero tamén como con organizacións e artistas de América Latina e da lusofonía, é outra das marcas de identidade desta iniciativa, coa que a Fundación Cidade da Cultura estreita vínculos con asociacións e institucións como a Compañía Nacional de Teatro de México, o Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai, o Centro Dramático Galego, o colectivo RPM, a asociación cultural AÏS ou o Festival RESIS de Música Contemporánea, entre outras.

A través deste programa, a Cidade da Cultura ofrece catro recursos fundamentais para a creación: tempo, espazos, equipos técnicos e unha ampla rede de alianzas que enriquecen a propia experiencia das persoas residentes e que posibilitan tamén ampliar o impacto do seu resultados máis aló do Gaiás.