Axudas REGA 2023 | Residencias artísticas do Gaiás

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, convoca unha nova edición das axudas REGA para o desenvolvemento de residencias artísticas no Gaiás. Poderán participar creadoras e creadores con proxectos vencellados ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño. Esta iniciativa pretende o apoio á creación contemporánea de persoas que desenvolvan estadías de traballo, de entre tres semanas e mes e medio máximo, nos espazos dispoñibles na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de 8.000 euros que inclúe o desenvolvemento, gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do resultado da residencia. O Gaiás porá a disposición das e dos artistas os seus espazos, recursos, equipos técnicos e unha persoa mentora que acompañará a realización da proposta.

Serán seleccionados como máximo catro proxectos, un por cada unha das áreas: artes visuais, escénicas, musicais e deseño. O tribunal valorará de maneira positiva a ligazón dos proxectos con outras disciplinas non recollidas nas bases, atendendo ao carácter híbrido da cultura contemporánea.

As residencias deberán desenvolverse entre os meses de setembro e novembro de 2023. O resultado das mesmas poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta, e darase a coñecer de maneira pública na Cidade da Cultura. Ademais, os proxectos poderán formar parte do programa cultural do Gaiás.

Quen pode participar

Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño. 

Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha área por solicitude.

Dotación

Cada axuda está dotada cunha achega de 8.000 euros, suxeito ás retencións que sexan de aplicación. Ademais da dotación en metálico, a Fundación porá a disposición das persoas beneficiarias:

  • Un espazo para desenvolver a residencia.
  • Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto.
  • Unha persoa mentora especialista en cada tipoloxía que acompañará cada proxecto.

O pago da dotación económica será en dous prazos; o 75% ao inicio do período de residencia e o 25% restante coa presentación da memoria final (que deberá realizarse antes do 28 de novembro de 2023).

Documentación a achegar

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude unha memoria do proxecto na que deberá constar:

  • A) Nome do proxecto e identificación da persoa física que solicita a axuda.
  • B) Concepto/idea artística incluíndo obxectivos que se pretenden acadar.
  • C) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluíndo orzamento previsto a modo de valoración.
  • D) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística da/s persoa/s participante/s.

A extensión máxima desta memoria será de 30 páxinas en formato PDF. Este documento serve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.