Explorar o ceo. Aprender astronomía

A viaxe interactiva de Galiverso explora o ceo complétase cun percorrido pola evolución do ensino da astronomía na exposición Explorar o ceo. Aprender astronomía, organizada en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). A mostra recolle o legado pedagóxico da ciencia astronómica en Galicia a través dunha decena de pezas históricas senlleiras, moitas delas case únicas no mundo, procedentes de centros educativos históricos e dos fondos do MUPEGA, ademais de dúas pezas concibidas para que o público as poida tocar.

O percorrido reúne algunhas das pezas máis destacadas empregadas para o ensino da astronomía ao longo da historia, entre elas un exemplar da segunda edición de De revolutionibus orbium coelestium (1566), de Nicolás Copérnico; esferas armilares, globos e planisferios celestes, planetarios móbiles, un anteollo astronómico de principios do século XX e outros materiais didácticos que permiten descubrir a evolución desta ciencia nas aulas.

Entre todas elas sobresae o Astronógrafo Navalón (1884), un trebello pioneiro inventado en Santiago de Compostela para ensinar astronomía a persoas cegas a través do tacto. Grazas ás tecnoloxías de impresión 3D, a mostra inclúe unha reprodución completamente funcional deste aparello para que poida ser manipulada libremente polas persoas visitantes.