A Cidade da Cultura súmase este ano á celebración do Día Internacional dos Museos cun programa de actividades para mergullarse nas exposicións do Gaiás cos cinco sentidos. En 2026, esta efeméride celébrase baixo o lema Museos unindo un mundo dividido, co que o ICOM (International Council of Museums) nos lembra a capacidade dos museos para actuar como pontes entre culturas, fomentando o diálogo, o entendemento, a inclusión e a paz nas comunidades de todo o mundo.
SÁB 16 MAI / Segunda pel, visitas sensoriais a «As estacións do ano»
Segundo como vestimos, cambia o xeito en que percibimos o mundo? As visitas inmersivas Segunda pel parten da idea do vestido como extensión do corpo e convidan a mergullarnos dun xeito diferente na exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI. O 16 de maio teremos a fortuna de facelo coa artista e comisaria da mostra, Mónica Alonso, como guía destas visitas especiais nas que transformamos a percepción e a relación coas obras de arte e tamén o xeito de habitar e percorrer a exposición.
>> Preme para reservar praza de balde <<

DOM 17 MAI / Danza no Museo: Clara Ferrao en «Mundo expandido»
Está permitido bailar nunha sala de exposicións? O domingo 17 de maio o Museo Gaiás racha co convencional cunha función de danza no interior da mostra Mundo expandido. Entre o físico e o virtual. Interpretada pola bailarina, coreógrafa e docente Clara Ferrao, esta peza dialoga coas temáticas da exposición: desde a explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas, a cuestións como a hipervixilancia, a desigualdade, as identidades dixitais, ou a omnipresenza da pantalla no noso día a día.
>> Preme para reservar praza de balde <<

DOM 24 MAI / Outra mirada, visita especial ao Museo Gaiás
Encadrado no ciclo de visitas singulares e monográficas Outra mirada, agárdavos este percorrido comentado para descubrir polo miúdo o Museo Centro Gaiás: desde os seus amplos espazos expositivos aos seus depósitos de obra ou o gran montacargas con capacidade para elevar ata 11 toneladas.
>> Preme para reservar praza de balde <<

Gaiás inspira
Esta actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.

Consello Internacional de Museos, ICOM
O Día Internacional dos Museos (DIM) é unha iniciativa do Consello Internacional de Museos, ICOM, para concienciar sobre o feito de que os museos son un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos. Organizado cada 18 de maio desde hai máis de 40 anos, cada vez son máis os museos por todo o mundo que participan nesta celebración mundial organizando diferentes eventos e actividades especiais nesta semana sinalada.
Cada ano desde 2020, o Día Internacional dos Museos apoia un conxunto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. En 2026, esta celebración alíñase co ODS10, que procura a redución das desigualdades; o ODS16, que promove sociedades xustas, pacíficas e inclusivas; e o ODS17, enfocado na alianza mundial para un desenvolvemento sostible.







