Unha visita para percorrer os espacios expositivos do Museo Centro Gaiás, pero internarnos tamén nas entrañas e os recantos agochados deste sofisticado edificio —preparado para acoller exposicións de grande formato ou propostas culturais e eventos de natureza moi diversa— entrando ata en zonas normalmente restrinxidas ao público.
Non perdades a oportunidade de percorrer este espazo de 16.000 metros cadrados e 43 metros de altura, descubrir solucións técnicas singulares como o montacargas con capacidade para 146 persoas ou elevar un máximo de 11 toneladas (o peso de tres coches), e internarvos no depósito de obras de arte ou a galería subterránea que atravesa o Gaiás.

Día Internacional dos Museos
Esta visita encádrase na programación do Día Internacional dos Museos, ao que cada ano se suma a Cidade da Cultura cun programa de actividades para mergullarse nas exposicións do Museo Centro Gaiás. En 2026, esta efeméride celébrase baixo o lema Museos unindo un mundo dividido, co que o ICOM (International Council of Museums) nos lembra que os museos teñen a capacidade de actuar como pontes entre culturas, fomentando o diálogo, o entendemento, a inclusión e a paz nas comunidades de todo o mundo.








