Contando películas: a evolución do espectáculo cinematográfico en Galicia | Exposición con motivo do Día das Bibliotecas 2025

O cinema forma parte da memoria colectiva e acompañou  os cambios sociais e culturais de Galicia ao longo do tempo. Con motivo do Día das Bibliotecas, a Biblioteca de Galicia presenta a mostra bibliográfica Contando películas: a evolución do espectáculo cinematográfico en Galicia, un percorrido pola historia do cinema na nosa comunidade desde os seus inicios ata a actualidade.

A exposición, comisariada por Sabela Pillado Villaronga, reúne máis de 200 pezas —libros, publicacións periódicas, carteis, programas de man e fotografías— que mostran como o cinema foi testemuña das transformacións sociais, políticas e culturais dos séculos XIX, XX e XXI. Destacan figuras pioneiras como Isaac Fraga ou A Bela Otero, a chegada do son e da cor, a censura, o auxe e posterior crise das salas de exhibición e a progresiva profesionalización do sector audiovisual galego.

A mostra reúne fondos propios da Biblioteca de Galicia e pezas prestadas pola Filmoteca de Galicia, ofrecendo unha visión ampla e detallada da evolución do patrimonio cinematográfico galego. Inclúe tamén reproducións electrónicas de novas da época, recuperadas grazas aos proxectos de dixitalización de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, que permiten documentar fitos como a chegada do cinematógrafo ou o impacto das primeiras proxeccións.

A través dun percorrido cronolóxico, a exposición amosa a chegada do cine a Galicia, as primeiras proxeccións, os pioneiros, os cambios técnicos e políticos, a censura, o auxe e a consolidación do espectáculo cinematográfico, así como a crise que levou ao peche de moitas salas. Inclúe tamén a exhibición non comercial, a aparición de cineclubs, xornadas e festivais, e a profesionalización do cine galego contemporáneo.

Os estudos especializados, as publicacións periódicas e a cobertura nos xornais permiten reconstruír este proceso histórico e ofrecen unha visión rica e documentada da evolución do cinema en Galicia, tanto no seu desenvolvemento local coma no seu diálogo co contexto nacional e internacional.

A mostra estrutúrase en once ámbitos temáticos:

  1. A chegada do cine a Galicia

  2. Os pioneiros

  3. O cine silente: 1900 a 1920

  4. O cine silente: a década dos vinte

  5. A chegada do cine sonoro e o período republicano

  6. A Guerra Civil (1936–1939)

  7. A época da autarquía: anos corenta e cincuenta (1)

  8. A época da autarquía: anos corenta e cincuenta (2)

  9. Anos sesenta, setenta e oitenta

  10. Dos anos noventa á actualidade

  11. A exhibición non comercial: cineclubs, xornadas e festivais

Con esta mostra, a Biblioteca de Galicia propón redescubrir a historia do cinema na nosa comunidade a través dos seus protagonistas, os seus espazos e as súas transformacións ao longo do tempo.