Visitas especiais | Traballo en equipo. Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC

Na recta final da exposición Traballo en equipo. 30 anos do CGAC. Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC, convidámosvos a uns percorridos comentados moi especiais nos que descubrila da man do director do CGAC e comisario da mostra Santiago Olmo, da tamén comisaria da exposición Verónica Santos, así como de dous dos artistas que asinan algunhas das pezas exhibidas: Mónica Alonso e Jorge Perianes

Nestas visitas guiadas poderemos descubrir o medio cento de obras, moitas delas de gran formato, que agora mesmo exhibe o Museo Centro Gaiás e que nos permiten facer unha relectura da Colección CGAC a través dalgúns dos grandes temas do mundo contemporáneo: natureza e ecoloxía, diálogos co espazo e coa arquitectura, a idea de construción, o traballo, feminismos, miradas poscoloniais, ou a arte como curación

SÁB 23 SET | 12h | Santiago Olmo, comisario e director do CGAC

Santiago Olmo García é crítico de arte e comisario de exposicións independente desde 1986. Entre 1999 e 2002 foi responsable editorial da revista Lápiz e desde 2004 formou parte do equipo de redacción de ARTECONTEXTO. Comisario da representación española na 24 Bienal de São Paulo de 1998, comisariou a Bienal de Pontevedra en 2010 e a Bienal de Guatemala en 2012, e ten desenvolvido proxectos e exposicións en todo o mundo. Colaborou regularmente co Fondo Fotográfico e o Museo da Universidade de Navarra, onde dirixiu con Rafael Levenfeld o proxecto Tender Puentes, que propón un diálogo entre a fotografía do século XIX e a actualidade. Desenvolve unha actividade docente na Universidade Europea de Madrid e na escola de fotografía EFTI, entre outros. Actualmente dirixe o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

.

SÁB 30 SET | 12h | Verónica Santos, comisaria

Verónica Santos Farto é licenciada en Historia de Arte Moderna e Contemporánea e Historia, Xeografía e Historia da Arte de Galicia pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Xestión de Bens Culturais e Patrimonio pola Universidade da Coruña, Diploma de Estudos Avanzados, Programa de Doutoramento da UNED e Posgrao en Museoloxía moderna polo Centro Liceus da Universidade de Alcalá de Henares. Realizou labores de comisariado de arte e arquitectura contemporáneas para institucións como o GCAG, o Museo Provincial de Lugo e individuais de artistas como Ignacio Pérez Jofre ou Dolores Gálvez. É coordinadora de exposicións no Museo Centro Gaiás desde 2013, onde tamén comisariou a mostra Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia (2019). Levou a cabo numerosas coloboracións en proxectos didácticos para o Museo do Prado, Xacobeo 2004, CGAC ou Museo Provincial de Lugo entre outros.

.

SÁB 14 OUT | 12h | Mónica Alonso e Jorge Perianes, artistas

Jorge Perianes (Ourense, 1974) é un dos artistas das primeiras xeracións formadas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Nas súas pezas narrativas e figurativas xoga constantemente coas dobres lecturas e recorre á natureza para buscar orixes simbólicas, onde atopa conexións inesperadas. Na exposición Traballo en equipo amosa unha instalación realizada orixinalmente para a exposición Contos dixitais en 2006 comisariada por Manuel Olveira para o CGAC, onde crea un "bosque" no que a escenografía xeral transmite un carácter inxenuo e evidencia unha esencia narrativa, enigmática e desacougante, non exenta de toques de humor.

Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) é licenciada en Belas Artes na Universidade de Salamanca e doutora pola Universidade de Vigo. Defínese como artista mediadora que pon en contacto ao espectador coa execución da obra de arte. Traballa arredor da emoción na cor, aplicando cuestionarios para obter datos estatísticos e interpretalos artisticamente. Esta habitación enteiramente azul, concibida para o CGAC no ano 2002 e que hoxe se recrea no Museo Centro Gaiás, está conformada por varias maquetas de espazos con cor onde cada unha se asocia cun significado: o rosa coa felicidade, o amarelo coa ilusión; o verde coa relaxación; o laranxa co traballo e o azul coa enfermidade.

Ao longo da visita, estarán tamén acompañados pola guía do Servizo de Educación do Museo Centro Gaiás, Paula Toimil.

30 anos do CGAC

Artífice, depositario e custodio da colección pública de arte contemporánea de referencia en Galicia, o CGAC cumpre 30 anos e a Cidade da Cultura súmase a esta celebración coa coorganización do proxecto Traballo en equipo, artellado en dúas exposicións complementarias pero independentes. O Museo Centro Gaiás acolle así ata o 15 de outubro de 2023 a mostra Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC, que propón unha abordaxe temática do presente a partir dos fondos da colección do centro compostelán.

O proxecto expositivo Traballo en equipo abrangue tamén a mostra Unha historia posible do CGAC, que pode visitarse ata o 7 de xaneiro na sede do propio Centro Galego de Arte Contemporánea na cidade vella compostelá.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h