Visitas didácticas | Curso 2024-2025

Durante o curso escolar, a Cidade da Cultura oferta un programa de visitas didácticas en diferentes quendas horarias a escoller. As grandes exposicións do Museo Centro Gaiás protagonizan esta oferta educativa para os centros de ensino, no que non faltan tampouco os percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a contorna verde do Gaiás.

«ORIXES» para centros de ensino

  1. Visita escolar á instalación inmersiva de realidade virtual ORIXES
  2. Dispoñible entre o 11 de marzo e o 20 de xuño de 2025
  3. Niveis educativos: 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  4. Reserva dispoñible premendo AQUÍ 

A experiencia sensorial inmersiva Orixes atravesa milleiros de millóns de anos de evolución do noso planeta: desde unha inhabitable bóla incandescente, ata a extinción do temible tiranosauro-rex, pasando pola explosión da vida nos océanos ou a aparición dos primeiros grandes bosques na superficie terrestre. Da man da tecnoloxía de realidade virtual, ofrece ao alumnado a posibilidade de comprender a complexidade da evolución da vida na Terra e o proceso que levou á aparición das diferentes especies que a poboan: desde a vida submariña, á chegada dos anfibios, dos réptiles e dos primeiros mamíferos. Tamén nos enfronta aos diferentes cataclismos e grandes extincións que viviu o noso planeta e nos lanza unha poderosa pregunta: pode o ser humano contribuír a acelerar ou a frear unha nova extinción masiva na Terra?

Os centros de ensino poden visitar Orixes de balde a partir do 11 de marzo e xa está dispoñible nesta páxina o FORMULARIO DE RESERVA. Se precisas máis información ou queres estar ao día da nosa oferta didáctica, podes escribirnos a visitas.cdc[@]xunta.gal.

«Rafael Úbeda. Visión Retrospectiva» para centros de ensino

  1. Visita escolar á exposición Rafael Úbeda. Visión Retrospectiva
  2. Dispoñible ata o 7 de setembro
  3. Niveis educativos: Primaria, secundaria, FP e Universidades
  4. Duración aproximada: 50 minutos
 
Acompañade a Rafael Úbeda a Madrid nun camión de peixe e viaxade con el a Holanda e Italia. Descubride que as emocións teñen formas e as melodías cores. 'Rafael Úbeda. Visión Retrospectiva' achégavos á vida e obra dunha figura imprescindible da arte da segunda metade do século XX. O artista ofrece nesta exposición a posibilidade de contemplar a evolución da súa arte, dende os seus principios como estudante ata a actualidade. Moi vinculado ao mundo do cinema, do teatro e, sobre todo, da música, a sua obra mergullaravos nun universo de monicreques, teatros, orquestras e acordes. A través desta exposición, o alumnado terá a oportunidade de aprender a expresar as súas ideas, sentimentos e experiencias a través da arte, así como impulsar a creatividade, imaxinación e o pensamento visual.
 
 

Visita arquitectónica á Cidade da Cultura

  • Visita dispoñible todo o curso
  • Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración aproximada: 50 minutos

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas didácticas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk dende o exterior.

Visitas didácticas anteriores

  1. Visita á exposición Unha vida viquinga
  2. Visita didáctica XA FINALIZADA [do 12 de setembro ao 20 de decembro de 2024]
  3. Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  4. Duración aproximada: 50 minutos

A historia da vida viquinga como nunca antes se contara. Nesta visita didáctica, o alumnado poderá acompañar a unha persoa da era viquinga dende o seu nacemento ata a súa morte. Unha vida viquinga é unha viaxe no tempo por unha cultura rica e fascinante que captou a imaxinación das persoas ao longo dos séculos. Xoias, moedas, xoguetes ou armas son só algúns dos obxectos que compoñen a exposición, que atravesa os estereotipos sobre esta civilización para mirar máis aló. Da man do equipo educativo da Cidade da Cultura, o alumnado poderá descubrir dende como foi o contacto viquingo con Galicia ata a participación das mulleres nas campañas guerreiras e de exploración.

Visita didáctica á exposición «Tattoo. Arte baixo a pel»

  1. Visita didáctica dispoñible XA FINALIZADA [ata o 20 de abril de 2025]
  2. Niveis educativos: 5º e 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  3. Duración aproximada: 50 minutos

Ven co teu alumnado coñecer unha das exposicións sobre tatuaxes máis completa e atractiva ata o momento. Unha proposta imprescindible para comprender a pulsión que leva ao ser humano a marcar con tinta o seu corpo. En Tattoo. Arte baixo a pel descubriredes a fascinante historia da tatuaxe seguindo a persoas tatuadas e artistas da tatuaxe a través de épocas e continentes, observando como os estilos e significados varían no tempo e no espazo, transitando entre a función terapéutica, punitiva, relixiosa e cultural. Comprenderedes como a tatuaxe conseguiu sobrevivir e transformarse, converténdose no século XIX en motivo de orgullo e material para o espectáculo, e como se desenvolveron, xa no século XX, os códigos e técnicas da tatuaxe contemporánea. Unha visita que ofrece non só unha experiencia visual senón que tamén fomenta o respecto polas diversas culturas do mundo e o seu patrimonio.