Durante o curso escolar, a Cidade da Cultura oferta un programa de visitas didácticas en diferentes quendas horarias a escoller. As grandes exposicións do Museo Centro Gaiás protagonizan esta oferta educativa para os centros de ensino, no que non faltan tampouco os percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a contorna verde do Gaiás.

«ORIXES» para centros de ensino
- Visita escolar á instalación inmersiva de realidade virtual ORIXES
- Dispoñible entre o 11 de marzo e o 20 de xuño de 2025
- Niveis educativos: 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
- Reserva dispoñible premendo AQUÍ
A experiencia sensorial inmersiva Orixes atravesa milleiros de millóns de anos de evolución do noso planeta: desde unha inhabitable bóla incandescente, ata a extinción do temible tiranosauro-rex, pasando pola explosión da vida nos océanos ou a aparición dos primeiros grandes bosques na superficie terrestre. Da man da tecnoloxía de realidade virtual, ofrece ao alumnado a posibilidade de comprender a complexidade da evolución da vida na Terra e o proceso que levou á aparición das diferentes especies que a poboan: desde a vida submariña, á chegada dos anfibios, dos réptiles e dos primeiros mamíferos. Tamén nos enfronta aos diferentes cataclismos e grandes extincións que viviu o noso planeta e nos lanza unha poderosa pregunta: pode o ser humano contribuír a acelerar ou a frear unha nova extinción masiva na Terra?
Os centros de ensino poden visitar Orixes de balde a partir do 11 de marzo e xa está dispoñible nesta páxina o FORMULARIO DE RESERVA. Se precisas máis información ou queres estar ao día da nosa oferta didáctica, podes escribirnos a visitas.cdc[@]xunta.gal.
«Rafael Úbeda. Visión Retrospectiva» para centros de ensino
- Visita escolar á exposición Rafael Úbeda. Visión Retrospectiva
- Dispoñible ata o 7 de setembro
- Niveis educativos: Primaria, secundaria, FP e Universidades
- Duración aproximada: 50 minutos

Visita arquitectónica á Cidade da Cultura

- Visita dispoñible todo o curso
- Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
- Duración aproximada: 50 minutos
Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas didácticas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk dende o exterior.
Visitas didácticas anteriores
- Visita á exposición Unha vida viquinga
- Visita didáctica XA FINALIZADA [do 12 de setembro ao 20 de decembro de 2024]
- Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
- Duración aproximada: 50 minutos
A historia da vida viquinga como nunca antes se contara. Nesta visita didáctica, o alumnado poderá acompañar a unha persoa da era viquinga dende o seu nacemento ata a súa morte. Unha vida viquinga é unha viaxe no tempo por unha cultura rica e fascinante que captou a imaxinación das persoas ao longo dos séculos. Xoias, moedas, xoguetes ou armas son só algúns dos obxectos que compoñen a exposición, que atravesa os estereotipos sobre esta civilización para mirar máis aló. Da man do equipo educativo da Cidade da Cultura, o alumnado poderá descubrir dende como foi o contacto viquingo con Galicia ata a participación das mulleres nas campañas guerreiras e de exploración.
Visita didáctica á exposición «Tattoo. Arte baixo a pel»
- Visita didáctica dispoñible XA FINALIZADA [ata o 20 de abril de 2025]
- Niveis educativos: 5º e 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
- Duración aproximada: 50 minutos
Ven co teu alumnado coñecer unha das exposicións sobre tatuaxes máis completa e atractiva ata o momento. Unha proposta imprescindible para comprender a pulsión que leva ao ser humano a marcar con tinta o seu corpo. En Tattoo. Arte baixo a pel descubriredes a fascinante historia da tatuaxe seguindo a persoas tatuadas e artistas da tatuaxe a través de épocas e continentes, observando como os estilos e significados varían no tempo e no espazo, transitando entre a función terapéutica, punitiva, relixiosa e cultural. Comprenderedes como a tatuaxe conseguiu sobrevivir e transformarse, converténdose no século XIX en motivo de orgullo e material para o espectáculo, e como se desenvolveron, xa no século XX, os códigos e técnicas da tatuaxe contemporánea. Unha visita que ofrece non só unha experiencia visual senón que tamén fomenta o respecto polas diversas culturas do mundo e o seu patrimonio.








