Visitas comentadas | Faraón. Rei de Exipto

Aínda que podes visitar Faraón. Rei de Exipto con entrada libre e de balde, se queres unha experiencia máis completa podes reservar praza para as visitas comentadas co persoal de guías da Cidade da Cultura de Galicia. Mergúllate na historia dos Faraóns, os Señores das Dúas Terras, encargados de protexer Exipto dos seus inimigos e de garantir a ‘maat’, a orde do universo, e explora os ideais, o simbolismo e a ideoloxía dos gobernantes desta antiga civilización, así como as realidades da vida no Val do Nilo.

Faraón. Rei de Exipto chega á Cidade da Cultura da man da Fundación ”la Caixa” e o British Museum –en colaboración coa Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 2021– con 140 pezas da colección do prestixioso museo británico. A exposición tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización, e que reflicten a diversidade consustancial á monarquía exipcia. Xunto a estatuas, belos relevos en pedra de antigos templos e ourivería, a exposición tamén presenta obxectos menos habituais: as incrustacións de cores empregadas para decorar o pazo dun faraón, por exemplo, dannos un indicio de como se vivía na corte real; as misivas gravadas en escritura cuneiforme sobre táboas de arxila dan fe da intensa actividade diplomática entre Exipto e Babilonia durante a Dinastía XVIII (c. 1550-1295 a. C.); o arco de madeira dun dos comandantes militares do faraón fálanos do importante que era contar cun exército forte para manter a seguridade das fronteiras do país; e as imaxes de gobernantes persas, gregos e romanos que actuaron como faraóns, lémbrannos, cada un á súa maneira, os múltiples retos que supuña gobernar, en definitiva, unha das maiores civilizacións que coñeceu o mundo.

Información práctica

  • De balde
  • As visitas comentadas precisan de reseva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade.
  • Máximo 4 persoas, sexan ou non convivintes.

Seguridade covid-19

  • Xel hidroalcólico á entrada e á saída da exposición
  • Obrigatorio o uso da máscara durante toda a visita
  • Mantemento a distancia de 1,5 metros entre as/os visitantes non conviventes