Visitas comentadas | Castelao. Mirar por Galicia

Ven descubrir, da man do equipo de Educación do Museo Centro Gaiás, o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras da historia de Galicia. Nesta visita guiada mergullarémonos na exposición de arte dixital CASTELAO. Mirar por Galicia, toda unha experiencia inmersiva que combina intelixencia artificial, hologramas, videoproxeccións ou realidade virtual para artellar un relato que nos traslada unha visión anovadora da vida, achegas e universo artístico de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Neste percorrido afondamos no relato dunha exposición que é un convite a coñecer a persoa detrás da emblemática figura do ilustre autor, artista, político e intelectual integrante da Xeración de 1916. Experimentar a visión do mundo a través dos ollos de Castelao da man da realidade virtual ou abrir unha xanela á súa infancia e mocidade, serán algunhas das escenas que se recrean no Museo Centro Gaiás. A instalación atravesa ademais os diferentes lugares e momentos vitais dun Castelao que ao longo da súa vida percorreu numerosos países de Europa e América, ben á procura de coñecemento e formación, ben no seu exilio forzoso tras a Guerra Civil e a ditadura. Unha ollada íntima e próxima, evocando o seu latexar artístico e tamén humano. 

A instalación inclúe unha experiencia inmersiva con videoproxección cúbica e son cadrafónico: un resumo do periplo vital e creativo de Castelao, relatado en primeira persoa, que presenta unha selección de obras do autor dotadas de vida mediante técnicas de animación 3D e intelixencia artificial nunha recreación artística do seu espírito creativo, sen perder o rigor documental no relato. 

Información a ter en conta

  • De balde
  • As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
  • Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.