No marco de actividades a desenvolver co gallo da clausura de Castelao. Mirar por Galicia, a exposición acollerá o sábado 10 de xaneiro ás 13:00 horas, unha visita especial á mostra conducida por Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, asesor histórico deste proxecto e un dos maiores especialistas na figura do autor, artista, político e intelectual de Rianxo.
Historiador galego nado en Arzúa en 1960, Miguel Anxo Seixas Seoane é licenciado en Xeografía e Historia, na especialidade de Historia da Arte Moderna e Contemporánea. Actualmente é presidente da Fundación Castelao.
Ao longo da súa traxectoria foi comisario de diversas exposicións dedicadas a Castelao, entre elas Castelao maxistral na Cidade da Cultura, así como responsable da catalogación da súa obra artística entre 2008 e 2009.
Previamente a esta visita, ás 11.30 horas, terá lugar a conferencia Castelao na Pampa, impartida por Miguel Anxo Seixas Seoane, ao redor da relación de Castelao coa diáspora e da influencia da súa estancia na Arxentina, sendo só un mozo, na súa traxectoria vital, obra e pensamento.
Gaiás inspira
Esta visita especial a Castelao. Mirar por Galicia encádrase en Gaiás_Inspira, unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.






