Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil

A Biblioteca de Galicia organiza unha nova exposición,Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil, onde os visitantes van poder achegarse a preto de cen obras que simbolizan a evolución da literatura infantil e xuvenil galega. Uns libros que queren ser unha invitación a coñecer mellor a nosa historia literaria, pero tamén un reclamo que nos leve a desfrutar da lectura doutra obras.

A mostra amosa na súa meirande parte primeiras edicións. Aparecen nas súas vitrinas os primeiros textos que escribiron Vicente Risco e Filgueira Valverde e tómase como referencia de partida o ano 1922, cando sae do prelo a revista infantil As Roladas, impulsada por Ramón Cabanillas. O itinerario revisa diferentes épocas e xéneros literarios, sendo parada importante no percorrido o reencontro con Balbino, personaxe fundamental das nosas letras creado por Neira Vilas en Memorias dun neno labrego.

Unha árbore de historias

Simbolicamente a mostra quere semellar unha árbore que prende e se vai enchendo de historias para contar actualmente cunha follaxe frondosa e froitos cada vez máis brillantes. Así, seguindo este esquema, percorre a evolución da produción infantil e xuvenil en galego dividida en varias seccións: a semente, a escuridade, o tronco, a luz, as pólas, o agromar, a follaxe e os froitos.

A partir desta idea, a exposición repasa as traducións de literatura infantil que comeza a realizar a editorial Galaxia na década dos sesenta  e o importante papel dunha autora, Xohana Torres. Tamén destaca o labor das asociacións culturais como O Facho, na Coruña,  promovendo concursos pensados para estimular a creación de textos infantís e que propiciaron que se publicasen obras hoxe referenciais como son A galiña azul ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares. 

 As mestras escritoras ocupan parte importante nesta selección de pezas, recollendo publicacións de Helena Villar, Ana María Fernández ou María Victoria Moreno, que revolucionaron o mercado do libro infantil e xuvenil pola necesidade de ter textos en galego para o seu alumnado.

 
Exposicións
 
21 Out 2022 - 16 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
11 Nov 2022 — 9 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
27 Set - 18 Dec de 2022
De 10.00 a 20.00 horas
7 Mar - 11 Xuñ 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
27 Xuñ 2023 - 7 Xan 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h