Tatuaxe: arte e empoderamento feminista | Visita especial 8M a 'Tattoo. Arte baixo a pel' coa artista tatuadora Laura Juan

Cal foi o papel das mulleres ao longo da historia no mundo da tatuaxe? Con motivo do Día Internacional da Muller, a Cidade da Cultura organiza unha visita especial á exposición Tattoo. Arte baixo a pel da man da artista tatuadora Laura Juan

Durante a visita realizarase un percorrido no que explorar como a tatuaxe se converteu nunha ferramenta de expresión, resistencia e empoderamento para as mulleres en diversas culturas e épocas. Coñeceremos a historia de referentes como Jessie Knight, a primeira tatuadora de Reino Unido ou Whang-Od, artista tradicional filipina que, con 108 anos, considérase a tatuadora máis experimentada do mundo. A visita contará coa presenza especial de Laura Juan, recoñecida tatuadora madrileña e autora dunha das pezas da exposición, que nos acompañará para compartir a súa experiencia no sector e reflexionar sobre os retos e avances das mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

Laura Juan, pioneira da tatuaxe en España

Laura Juan é considerada unha das mulleres pioneiras na tatuaxe en España. En 1995 deixou os seus estudos para apostar pola súa faceta como tatuadora e, dende entón, está cautivada por esta profesión. Especializada no retrato, a tatuaxe de Laura Juan inscríbese na corrente realista formulada nos anos oitenta cuxos representantes máis prestixiosos en Europa son Tin-Tin (Francia) e Robert Hernández (España). Ao longo dos anos, esta artista da tatuaxe introduciu na súa paleta cores contrastadas, vivas e nítidas, buscando un equilibrio entre a representación hiperrealista e a vida emocional invisible que a impulsa.