Concerto Coro Gaos | 15 aniversario

O Coro Gaos celebra este ano un aniversario moi especial: quince anos desde o seu primeiro concerto público, celebrado o 11 de xaneiro de 2011 na inauguración da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

Desde aquela primeira actuación, o Coro Gaos consolidouse como un dos proxectos corais independentes máis activos e recoñecibles de Galicia. Ao longo destes quince anos desenvolveu unha intensa actividade artística, con máis dun cento de concertos e producións en Galicia e fóra dela, participando habitualmente nas tempadas líricas e sinfónicas da Coruña e colaborando con formacións como a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Gaos.

A súa traxectoria inclúe colaboracións con artistas como Ainhoa Arteta, Borja Quiza, Celso Albelo ou Nancy Fabiola Herrera, así como a interpretación de obras de referencia do repertorio sinfónico-coral, entre elas o Réquiem de Mozart na Catedral de Santiago. O coro participou, ademais, en festivais internacionais como o Festival Internacional de Canto Coral de Barcelona ou o Festival de Música Relixiosa de Guimarães.

Ao longo destes anos, a formación obtivo tamén diversos recoñecementos en certames nacionais e internacionais, con premios en concursos de prestixio como o Certamen Internacional de Habaneras y Polifonía de Torrevieja, o Certamen Coral Internacional Antonio José de Burgos, o Certame Coral de Avilés ou o Certame Coral de Arbo.

Este concerto de aniversario reunirá, por primeira vez, diferentes xeracións de cantores que formaron parte da historia do coro. O programa recolle obras especialmente significativas na súa evolución artística, vinculadas a certames, xiras, producións escénicas e concertos que marcaron momentos clave destes quince anos.

Á fronte do proxecto está Fernando Briones, director artístico e musical tamén da Orquestra Gaos, cuxo labor foi determinante na construción da identidade sonora e artística da formación.

Quince anos despois do seu debut, o Coro Gaos regresa ao lugar onde todo comezou para celebrar a súa historia, render homenaxe ás persoas que a fixeron posible e seguir mirando ao futuro a través da música.

 

Programa

  • Stars, E. Esenvalds
  • Ut queant laxis, X. Sarasola
  • Ubi caritas, O. Gjeilo
  • Lux aurumque, E. Whitacre
  • Alleluia, J. Runestad
  • Sleep my child, E. Whitacre
  • Plaudite, psallite, K. Daugirdas
  • Trilo, B. Ollén
  • Cantos asturianos, J. Domínguez
  • No me cierres los ojos, J. Elberdin
  • Ao pasar por Camariñas, J. Domínguez
  • La cucaracha, R. Sund

 

 
Música & Escena
 
Mai - Xuñ 2026
Convocatoria pechada