Serán'02. II Encontro galego de cultura popular: Bandas de música

As bandas de música serán as grandes protagonistas do Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular: Bandas de Música. O evento, promovido pola Xunta de Galicia para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia no vindeiro mes de xuño tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou no Gaiás máis de 7000 persoas.

Baixo a dirección artística de Quique Peón, o Serán’02 terá lugar o 28, 29 e 30 de xuño e incluirá concertos de bandas tanto galegas como de fóra de Galicia, así como de agrupacións infantís. Talleres para a cativada, master classes, obradoiros de baile, conferencias, unha exposicións de instrumentos antigos e un gran baile na Praza Central do Gaiás completarán o programa desta nova entrega que se desenvolverá en distintos espazos do complexo, incluíndo o Auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro, que se encontra a punto de rematar as súas obras.

O Serán. Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular. A primeira edición do encontro, celebrada en xuño de 2018, estivo especialmente centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Así, ata un milleiro de bailadores e bailadoras de todas as idades, acompañados de artistas consolidados do folk galego actuaron no Gaiás durante os tres días que acolleu o Serán’01, con nomes de primeira orde como Ugía Pedreira, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Uxía Senlle, Davide Salvado ou Leilía, que compartiron espazo e escenario con numerosas agrupacións do noso folclore tradicional.

 
Música & Escena