Serán'02. II Encontro galego de cultura popular: Bandas de Música

As bandas de música serán as grandes protagonistas do Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular: Bandas de Música. O evento, promovido pola Xunta de Galicia para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia no vindeiro mes de xuño tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou no Gaiás máis de 7000 persoas.

Baixo a dirección artística de Quique Peón, o Serán’02 terá lugar o 28, 29 e 30 de xuño e reunirá a máis de 550 intérpretes de bandas de música de toda Galicia. O encontro despregará un intenso programa con concertos de diversas bandas, incluíndo o espectáculo A dúas bandas [venres 28 de xuño, 21h], un man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–; o concerto da Unidad de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol e concertos de formacións infantís e xuvenís.

Outro dos pratos fortes do encontro será o Baile Irmandades da Fala [sábado 30 de xuño, 21h] que convidará a todos os asistentes a achegarse caracterizados da época para danzar na Praza Central do Gaiás ao son das bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Rivadulla e a Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira. Xa na xornada do domingo, os espectáculos O vento que nos une, da Banda Sinfónica Galega, e Saliceta, da Banda de Música de Salceda de Caselas, premiados no Concurso Innova convocado por Agadic e a FGBMP porán o broche final ao encontro.

Serán’02 nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector, polo que incluirá desde contidos de tipo profesional –como clases maxistrais, conferencias e mesas redondas– e outros dirixidos a un público xeral e familiar, que ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados poderán visitar o recinto feiral do encontro, cunha trintena de expositores, e participar en obradoiros de baile agarrado e talleres de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás.

Podes consultar aquí o programa completo do Serán'02.