REGA | Residencias Charco: Intercambio artístico entre Galicia e México

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura convértese en 2021 nunha das sedes das Residencias Charco, unha iniciativa de intercambio artístico que busca afondar na conexión cultural entre España e Latinoamérica. Do 1 de xullo ao 6 de outubro, dúas artistas mexicanas e outras dúas galegas conectarán creativamente as dúas beiras do Atlántico no desenvolvemento de catro propostas artísticas entre Galicia e México. Esta experiencia intégrase no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), un viveiro cultural e creativo que pon os espazos, recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura ao servizo de proxectos vencellados á música, a escena, a danza e as artes performativas, a literatura e as artes visuais.

A quinta edición do programa Charco de residencias apóiase nun proxecto curatorial de Susana González, coordinadora do programa e fundadora de Consultarte, que pivota sobre o concepto de tránsito coa idea de afondar na conexión entre territorios e no vínculo histórico migratorio, para así propiciar un contexto estimulante cara á creación visual. Nesta empresa convida a catro artistas mulleres a reflexionar sobre as relacións intercontinentais. Mariana Castillo Deball (Ciudad de México, 1975), Julia Huete (Ourense, 1990), Fritzia Irizar (Culiacán, México, 1977) e Carme Nogueira (Vigo, 1970) son as creadoras seleccionadas para participar nesta edición do programa.

As obras resultantes da estadía artística das creadoras en Galicia serán expostas na Cidade da Cultura como paso previo á súa itinerancia por diversas institucións do Estado e as creacións das artistas galegas tamén serán exhibidas en diversas institucións de México.

Artistas Residentes

 

Mariana Castillo Deball

 

MARIANA CASTILLO (CIUDAD DE MÉXICO, 1977)

Traballa diversas disciplinas como a instalación, a escultura ou os proxectos editoriais para achegar a súa persoal visión sobre a interrelación entre artes plásticas, ciencia e arqueoloxía. As súas creacións están baseadas nun arduo proceso de investigación, no que a literatura e a filosofía están moi presentes. Licenciada en Artes Plásticas pola Universidade Nacional Autónoma de México, actualmente vive e traballa en Berlín. Expuxo de forma individual e colectiva en cidades como Melbourne, Nova York, Chicago, Lisboa, Ciudad de México ou Basilea, entre outras. A súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como o Prix de Rome, o Zúric Art Prize ou o Premio ARCO da Comunidad de Madrid para Novos Artistas. 

 Julia Huete

 JULIA HUETE (OURENSE, 1990)

Formada en Belas Artes na Universidade de Vigo, onde completou os seus estudos cun Máster en Dirección de Arte. Interesada nos recursos poéticos e plásticos, Huete centra a súa investigación no estudo comparado de ambos os discursos, onde a palabra, a cor e a forma serven de reflexión sobre deles. O seu traballo foi recoñecido coa bolsa da Real Academia de España en Roma, no Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, no Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense ou no Concurso de Pintura da Universidade de Vigo. Expuxo en varias cidades españolas e a súa obra forma parte de relevantes coleccións como a Colección CA2 M, a Colección DKV, a Colección de Arte Fundación María José Jove ou a Colección María Cristina  Masaveu  Peterson.

Fritzia Irizar

FRITIZA IRIZAR (CULIACÁN, 1977)

Investiga sobre o efémero do valor de distintos materiais ou do diñeiro, así como a relación que estes teñen co consumo, o traballo e a explotación, descontextualizando eses obxectos, aos que dota dunha particular simboloxía, para integralos no plano artístico. Irizar reflexiona coas súas creacións sobre certezas aceptadas socialmente, vinculadas á ciencia ou á historia, construídas sobre pequenas parcelas de coñecemento e sobre a decisión dun número reducido de individuos. O seu traballo execútase en moitas ocasións como actos públicos orquestrados para obter unha reflexión dirixida sobre argumentos a nivel social, político e ético. A súa obra foi galardoada pola Cisneros  Fontanals Art  Foundation (CIFO), polo programa de residencias  AIR- KREMS (Austria), por Les Récollets (París) e por  Headlands Center (San Francisco). 

Carme Nogueira  CARME NOGUEIRA (VIGO, 1970)

Artista multidisciplinar que traballou a crítica corporal ao concepto de identidade ou a intimidade doméstica con respecto á perspectiva de xénero. Na actualidade traballa sobre os procesos de  subxetivización  e a función normalizadora dos espazos a través da fotografía e a instalación. Ao longo da súa traxectoria compaxinou a súa faceta creativa coa docencia, tras licenciarse en Belas Artes na Universidade de Salamanca e doutorarse na Universidade de Vigo. É frecuente a súa participación en residencias artísticas a nivel  inernacional, así como en conferencias e diversos proxectos culturais organizados por institucións vinculadas á arte contemporánea, como o CGAC, a Fundación Botín ou o MUSAC. A súa obra foi exposta en cidades como Sevilla, Madrid, Bruxelas, Vigo ou  Valparaíso, entre outras. 

 


 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h