REGA 24 | Residencias artísticas do Gaiás

As Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) encadran unha serie de actuacións estratéxicas que teñen como finalidade apoiar o talento e dar visibilidade á creación artística e cultural contemporánea, tanto galega como internacional.

En 2024, REGA prestará apoio a unha vintena de novos proxectos artísticos e culturais que tirarán proveito dos espazos, recursos técnicos e relacionais da Cidade da Cultura para dar os seus primeiros pasos.

O programa aposta por converter a Cidade da Cultura nun verdadeiro viveiro de iniciativas culturais que ofrece os seus recursos e espazos para apoiar a creación mediante procesos participativos e inclusivos co sector cultural e creativo, en liña cos obxectivos do II Plan Estratéxico 2021-2027 do Gaiás.

Logo de tres edicións —2021, 2022 e 2023—, o programa REGA apoiou o desenvolvemento de 67 proxectos vinculados a disciplinas artísticas diversas —música, artes escénicas e performartivas, creación dixital e videoxogos, artes visuais multimedia, literatura, danza e deseño— e moitos deles de carácter multidisciplinar. Nestes tres anos, máis de 150 artistas de Galicia, España e tamén internacionais tiraron proveito dos espazos de residencia da Cidade da Cultura para desenvolver as súas creacións.

RESIDENCIA LITERARIA 2024

Residencia Literaria Cidade da Cultura 2024 A Residencia literaria da Cidade da Cultura ofrece 10 prazas para autoras e autores noveis que busquen perfeccionar os seus proxectos de narrativa durante unha estadía intensiva no Gaiás, co acompañamento de Javier Peña, director da residencia, e de Irene Solà e Brais Lamelaescritores convidados nesta cuarta edición. O intercambio de saberes e experiencias, a análise e posta en común do traballo e o diálogo con outras disciplinas artísticas fundamentan a Residencia literaria da Cidade da Cultura. O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de marzo de 2024 e a Residencia literaria desenvólvese do 1 ao 13 de xullo.

 

CLÁSICAS DESFEITAS VOL. 9, 10 E 11

Clásicas desfeitas 24 Clásicas desfeitas, ciclo coproducido polo Centro Dramático Galego da AGADIC e a Cidade da Cultura, permite redescubrir clásicos literarios a través doutras disciplinas artísticas. En 2024, o grupo de innovación educativa ComTecArt da UVigo intégrase como artífice do volume 9 do ciclo Hamlet, o de Cunqueiro, en colaboración coa compañía brasileira Boccaccione e a galega Marinita y sus Maromas, nunha proposta multidisciplinar que mestura teatro e mecánicas dos videoxogos. Os volumes 10 e 11 forman o díptico Míticas pero secundarias, no que Antón Reixa e Antela Cid indagan nos mitos gregos ao redor de Polícrates, Ismene, Crisótemis e Políxena. 

 

AXUDAS REGA 2024

Axudas REGA 24

A 3ª convocatoria de axudas á creación do programa de Residencias Artísticas do Gaiás procura de proxectos artísticos e culturais vencellados ás artes visuais, escénicas, á música e ao deseño. As axudas REGA están dotadas con 8.000 euros cada unha, así como cos recursos técnicos e espazos necesarios para que as e os artistas poidan materializar as súas propostas nunha estadía de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura, a realizar entre os meses de setembro e novembro. Ademais, contarán cunha persoa mentora especialista que acompañará cada iniciativa. A convocatoria ten previsto o seu lanzamento esta primavera.

 

RESIS EN RESIDENCIA — «ODA LUDITA»

ODA LUDITA

RESIS en Residencia realízase en colaboración coa asociación cultural AÏS e o RESIS, festival internacional de música contemporánea e artes vivas da Coruña. A través desta colaboración, a Cidade da Cultura acolle e apoia o desenvolvemento de ODA LUDITA, proxecto de composición e instalación sonora do artista Xoán Xil López que xorde dos acontecementos sociais que tiveron lugar na Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857: un levantamento cun compoñente ludita provocado pola introdución de maquinaria que supoñía a redución dos postos de traballo.

 

RESIDENCIAS PARAÍSO 2024

Residencias Paraíso 24

A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego ofrecen unha residencia combinada dentro da oitava convocatoria das Residencias Paraíso, programa anual impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para apoiar o desenvolvemento de proxectos relacionados coa danza e as artes vivas. Os proxectos «Do outro lado», dos creadores galegos Fran Rodríguez e Brais Pombo, e «No necesito un nombre para ser mascota» da bailarina aragonesa Ana Cotoré son as Artistas Paraíso seleccionadas nesta convocatoria que realizarán a súa residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro nos meses de xullo e agosto.

 

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
1 - 13 Xul 2024
Convocatoria pechada