Clásicas desfeitas vol. 10 e 11 | «Míticas pero secundarias»

O díptico Míticas pero secundarias pecha o ciclo Clásicas desfeitas de 2024 indagando nalgúns dos nomes menos coñecidos dos clásicos gregos para traelos ao presente desde a ollada particular de Antón Reixa e Antela Cid. Polícrates, Ismene, Crisótemis e Políxena son a fonte de inspiración para os volumes 10 e 11 do ciclo, que veremos florecer de maneira independente pero complementaria nas Residencias Artísticas do Gaiás. 

«A infeliz felicidade e o prezo do aceite» de Antón Reixa

Antón Reixa, autor, director e intérprete da primeira parte do espectáculo, amosaranos como foco principal da súa creación o complexo do heroe Polícrates — medo ao éxito?, sentimento de fracaso ao acadalo? Este non tan comunmente coñecido complexo ten moito do galego, e como maior expoñente do mesmo podería estar Rosalía de Castro, e a súa obra.

Dende este punto de partida e enriquecendo a súa pescuda con valiosas colaboracións presentes a través de audiovisuais, Reixa lévanos a coñecer os obxectivos e devires, por veces sorprendentes, da súa personaxe.

«Tres somos ti» de Antela Cid

Antela Cid estréase como creadora total nesta peza que forma a segunda parte do díptico Míticas pero secundarias. Será a propia actriz a creadora da dramaturxia, a autora dos textos, da proposta escénica e da súa dirección interpretativa, que levará a escena.

Tres mitos gregos femininos: Ismene, Crisótemis e Políxena son a base dunha proposta actual onde teñen cabida textos teatrais e poéticos de Antela Cid e temas musicais contemporáneos. Tres historias invisibles de mulleres invisibles, que ben podían ser unha de nós, na antigua Grecia ou en calquera parte do mundo. Un berro individual e colectivo coa intención de camiñar cara a un mundo mellor onde a desigualdade non teña cabida.

Antón Reixa (Vigo, 1957)

Antón Reixa é licenciado en Filoloxía galega, poeta, escritor, cantante e letrista de Os Resentidos e Nación Reixa, ademais de produtor e director audiovisual. Mantense moi activo no mundo da poesía desde finais dos anos 70 co Grupo de Comunicación Poética Rompente. En solitario publicou os poemarios Ringo Rango, Escarnio, Látego de Algas, Algo Raro Pasa Raro e Outlet. En narrativa, Transporte de Superficie e Michigan/ Acaso Michigan. Como produtor e director audiovisual, destacan serie Mareas Vivas e o filme O Lapis do Carpinteiro. Foi tamén presidente da SGAE.

En teatro ten unha longa experiencia como autor, director e produtor, na que sobresaen as obras Gulliver FM (1985, Grupo Artellllo, autor), After Shave (1986, musical, autor, director e produtor), Doberman (1994, autor), e Melancoholemia (como autor e actor, dirixida por Fernando Bernues), ademais de escribir tres espectáculos coa compañía suiza L’Alakran, colaborar con La Fura Dels Baus, e producir a obra Mundo Lois e o musical Galicia Caníbal.

En 2021 foille concedida polo goberno español a Medalla de ouro ao mérito nas Belas Artes e acaba de recibir o III Premio Plataforma na IV edición do Festival Plataforma organizado pola Cooperativa Performa - Santiago de Compostela 2023. Na actualidade prepara unha exposición conxunta coa pintora Ángela de la Cruz, sobre o mundo das mariscadoras de Galicia.

Antela Cid (Vigo, 1984)

Docente de teatro e de igualdade. Dende o 2022 é coprodutora, xunto con Fran Peleteiro, da Compañía humana. Actriz titulada na ESAD de Galicia no Grao en Interpretación Textual, tamén no Laboratorio de Teatro de William Layton e no Máster na Escuela Libre de Interpretación baixo a dirección pedagóxica de Sanchís Sinisterra. Ademais de ter realizado numerosos cursos nas artes escénicas, é tamén titulada no Máster de Igualdade de Xénero e Coeducación pola USC.

Profesionalmente traballa como actriz en cine, teatro e televisión, performer e dramaturga en diferentes produtoras e compañías. Entre os seus traballos máis salientables están: Tartufo (2016) para o Centro Dramático Galego; DaVinci tiña razón (2015/16), con Producións Excéntricas; Galicia Caníbal, o musical (Filmanova, 2012) como codramaturga e axudante de dirección ou Romeo e Xulieta (Teatro do Noroeste, 2007).

No cine participa en filmes como La Niebla de David Hernández; Doentes, de Gustavo Balza (2011); Hotel Tívoli, de Antón Reixa (2007) e Por mí y por todos mis compañeros, de Judas Díaz (2005). Na televisión destaca a participación nas series Casa Manola e La que se avecina, nas tv/movies Fútbol de Alterne (2009) e O Club da Calceta (2008) ou a participación na webserie Monstras (2019).

Crémilo Proyectos Culturales y Dist. Espectáculos

Creada en 2014 por Carlos M. Carbonell, ten como marco de actividade as artes escénicas e a xestión cultural. Na produción está vinculado a proxectos como Golfa de Jose Padilla (2020) en coprodución con Alicia Álvarez de Primera Toma, Si fosen turistas levarían gafas de sol (2018) ou O Conto da Azuzaina (2016) ambas de Fran Núñez, en coprodución con Limiar Teatro.

No apartado de distribución traballa, entre outras, para Chévere (Premio Nacional de Teatro 2016), El Sol de York, Cámara Negra, Inconstantes Teatro, La Rueda Teatro Social e Nauta Teatro, tamén colabora con T de Teatre, ou en Galicia con Markeliñe e Teatro Paraíso, entre outras.

Noutros ámbitos destaca a produción artística de 2014 a 2021 do ciclo de música de cámara Enclave de Cámara en Ourense, a coprodución executiva das longametraxes Arima de Jaoine Camborda (Esnatu Zinema) e Ons de Alfonso Zarauza (Maruxiña Films Company) ou o proxecto O espello da memoria no trazo da palabra baixo a dirección artística de Mateo Feijoo e a coedición con La uÑa RoTa do libro TU EXISTE de Luz Pichel e debuxos de María Puertas.