Clásicas desfeitas vol. 9 | «Hamlet, o de Cunqueiro»

O ciclo Clásicas desfeitas inaugura as actividades do programa de Residencias Artísticas do Gaiás - REGA 2024 con tres pezas escénicas que permiten redescubrir clásicos da literatura galega e universal a través doutras disciplinas artísticas. Nesta edición o grupo de innovación educativa ComTecArt da Universidade de Vigo —impulsor da primeira residencia de creación dixital e videoxogos da Cidade da Cultura—, intégrase no ciclo como responsable da adaptación e dirección volume 9 en colaboración coa Cia. Teatral Boccaccione de São Paulo (Brasil) e a e compañía Marinita y sus Maromas (Galicia).

Hamlet, o de Cunqueiro, é o título dunha proposta multidisciplinar que mestura dúas disciplinas aparentemente inconexas entre si: o teatro e os videoxogos. Tamén fai mestizaxe da cultura galega e a brasileira usando como vehículo un extracto de O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, que se hibrida co relato «A cartomante», de Machado de Assis —unha das figuras máis relevantes da literatura brasileira—, mais unha aparición invitada collida directamente da obra orixinal de Shakespeare.

Unha proposta sempre variante, onde cada representación revivirá unha resposta distinta a tres incógnitas sobre o amor, a morte e a familia, que atormentan a un Hamlet dubidoso. O público participará directamente na obra, onde a música e o xogo teñen un papel relevante nas mesmas entrañas da Cidade da Cultura.

Queres axudar a Hamlet a resolver os seus dilemas?

  • Ten en conta que Hamlet, o de Cunqueiro é unha proposta de teatro interactivo e itinerante dirixida a público adulto que percorrerá diferentes espazos da Cidade da Cultura. O punto de saída será o Edificio CINC da Cidade da Cultura.
  • Haberá un pase accesible para persoas con mobilidade reducida o sábado 3 de febreiro ás 18:00 horas. O percorrido do resto de sesións non é axeitado para carriños, cadeiras de rodas nin persoas con problemas de mobilidade.
  • Asistir como público implica participar activamente na representación. Igual que nun videoxogo, as accións e decisións que tomes influirán no desenvolvemento da trama, polo que o teu papel será moito máis que o de espectador/a.
  • Deberás vir con roupas escuras (grises, negras, marróns) e recomendamos tamén que traias calzado cómodo para camiñar.
  • Gravaremos en vídeo e tomaremos fotos de cada representación, que serán empregadas nas canles de difusión da Cidade da Cultura e da Universidade de Vigo (terás que asinar a autorización correspondente antes da función na que participes).
  • Entradas desde 9 euros (descontos aplicables) á venda en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Hamlet Cunqueiro - entradas 

Grupo de innovación educativa ComTecArt

O Grupo de Innovación Docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte en Contornas Virtuais) está formado por profesores de Telecomunicación, Comunicación Audiovisual e Belas Artes da Universidade de Vigo. O seu obxectivo principal é a realización de actividades multidisciplinarias en equipos formados por alumnado e/ou profesorado destes ámbitos.

Entre as actividades que veñen realizando nos últimos anos está o desenvolvemento de proxectos en grupo con estudantes de materias e graos diversos, a organización de seminarios, a realización de ponencias en congresos e tamén diversas publicacións en libros e revistas. Ademais, teñen desenvolvido videoxogos didácticos e organizaron a primeira residencia de creación dixital e videoxogos da Cidade da Cultura.

Cia. Teatral Boccaccione

A Cia. Teatral Boccaccione xorde no ano de 2006, en Ribeirão Preto (São Paulo, Brasil) como un grupo que investiga a relación do teatro coa música, as súas manifestacións populares e desenvolvementos comunitarios. Desde entón, crearon unha linguaxe escénica propia, diversa, festiva, que fala directamente ao público e o interpela de maneira constante, ben no universo infantil, ben na rúa, en espazos non convencionais e incluso no audiovisual.

Ten realizado máis de 30 obras e proxectos ao longo das súas case dúas décadas de historia, e calcula ter chegado a máis de 700.000 persoas directa ou indirectamente co seu traballo. Ademais dun documental do seu 10º aniversario, Boccaccione publicou polos seus 15 anos unha revista/libro dixital e unha serie de podcast sobre a súa carreira, nos que tamén inclúen cancións do seu repertorio.

A compañía conta actualmente con nove membros e ten a súa sede no Centro Cultural Cerâmica São Luiz, un importante patrimonio histórico da cidade que tamén acolle outros trece colectivos culturais. 

Marinita y sus Maromas

Marinita y sus Maromas é unha compañía de Teatro Travestí afincada en Vigo que comeza a súa andaina polo 2016 no eido underground da cidade olívica.

Empregan as artes escénicas para reflexionar sobre os roles de xénero, as identidades diversas e a afectividade disidente xogando cos clixés sociais. Trátase dun teatro de barrio que pretende achegar á comunidade as realidades dos corpos non normativos e a multitude de formas de amar.

Combinan diferentes especialidades artísticas nos seus espectáculos como a danza, cancións en directo, acrobacias, drag, comedia e transformismo tanto para crear shows de variedades coma pezas de teatro cómico.