Reb/veladas na paisaxe (II) | Programación Xacobeo 21

As intervencións artísticas na natureza marcan unha tendencia clave na arte contemporánea desde mediados do século XX ata a actualidade: a obra de arte máis aló do marco espacial do museo. Neste eido da relación da arte co territorio, a Cidade da Cultura de Galicia quere darlle maior visibilidade á acción das mulleres creadoras e dálle continuidade cunha segunda edición ao ciclo Reb/veladas na paisaxe, que naceu o pasado ano coa pegada de perspectiva de xénero, ampla e rachando co excluínte, como sinal de identidade.

Para afianzar esta cerna volve convidarse a tres comisarias galegas —Monserrat Pis Marcos, Sara Donoso e Paula Cabaleiro—que escolleran as/os artistas cos que lles apetecía botar andar este ciclo e elixiron a Clara Montoya, Pablo Barreiro e Alicia Framis, respectivamente.

As tres instalacións teñen en común o seu vencello co Camiño de Santiago , xa que forman parte da programación do Xacobeo 2021. Deste xeito, Constelacións II de Clara Montoya ten unha marcada carga simbólica no seu proxecto vinculado coas estrelas, ligadas estreitamente coa historia de Compostela e as Rutas Xacobeas; o mesmo ocorre con (Re)producións (entre o erro e a verdade) de Pablo Barreiro, quen reproduce no Gaiás algúns dos elementos máis icónicos que se poden atopar no Barroco compostelán; mentres que en Deixa aquí os medos, de Alicia Framis, se xoga coa idea de punto de fuga e de deixar atrás da peregrinación.

 

COMISARIAS E ARTISTAS

 
 
  • Monserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983) | Clara Montoya (Madrid, 1974)
    CONSTELACIÓNS II
  • Sara Donoso (Guadalaxara, 1989) | Pablo Barreiro (Meaño, Pontevedra, 1982)
    (Re)PRODUCIÓNS (entre o erro e a verdade)
  • Paula Cabaleiro (Cangas do Morrazo, 1986) | Alicia Framis (Barcelona, 1967)
    DEIXA AQUÍ OS MEDOS
 

CONSTELACIÓNS II | CLARA MONTOYA

 
 
A intervención Constelacións II de Clara Montoya consiste nun mapeado da bóveda celeste en tempo e orientación reais. A obra asigna un son de voces humanas a cada estrela que atravesa un meridiano específico, marcado por unha fileira de asentos con altofalantes incorporados que fai audible o xiro da Terra: É a dinámica do movemento terrestre a que produce que a peza estea viva e en evolución. Os sons das estrelas que soan son as que pasan por riba do meridiano marcado polas cadeiras.
 
As estrelas vincúlanse estreitamente coa historia de Compostela: partindo das luces que, segundo a lenda da inventio, indicaron a Paio o emprazamento do sepulcro do Apóstolo, ata a suposta etimoloxía decimonónica de Compostela como campus stellae, os astros estiveron sempre ligados aos avatares da cidade. O Códice Calixtino alude á Vía Láctea como o trazado celeste que conduce ao peregrino á tumba do Apóstolo, un camiño de estrelas que culmina nun astro eléctrico que, a modo de faro, ilumina cada Ano Santo a lanterna da Torre da Berenguela.
 
 
 
 

(RE)PRODUCIÓNS (ENTRE O ERRO E A VERDADE) | PABLO BARREIRO

 
 
O proxecto de Pablo Barreiro quere servir como punto de ligazón entre a Cidade da Cultura e a zona vella de Santiago, confrontando as súas arquitecturas para reflexionar sobre os límites da expresión sociocultural a partir do discurso da copia artística. Para iso, reproduce algúns dos elementos máis icónicos que se poden atopar no Barroco compostelán para posteriormente situalos, descontextualizados, no paseo asfaltado que se atopa entre o Xardín Literario e o Bosque de Galicia.
 
Motivos das fachadas da Casa do Cabido e do convento de Santa Clara e diferentes ornamentos de San Martiño Pinario e da catedral son imitados a escala 1/1 e dialogan agora, a modo de instalación, no espazo da Cidade da Cultura. Mentres a carga iconográfica dos elementos seleccionados lle permiten ao espectador recoñecer a súa orixe, a dislocación do seu lugar primario e, sobre todo, unha disposición diferente, xeran un choque de realidades, o que lle achega ao conxunto un novo valor estético/cultural. Partindo da idea de reproducir un modelo histórico, o feito de copiar sinala a periódica relación da arte coa súa reprodución e permite interpretar o pasado desde o prisma do presente.
 
A localización, pola súa banda, debuxa sobre o mapa unha liña invisible entre o Gaiás e a catedral. A instalación sitúase con relación á ladeira que mira a chegada da Vía da Prata pola calzada de Sar, e enlaza directamente coa idea de peregrinación. Trátase, neste caso, dunha peregrinación diferente, que convida os camiñantes a continuaren o seu traxecto ata a Cidade da Cultura para redescubrir as formas arquitectónicas de Santiago en clave contemporánea.
 

DEIXA AQUÍ OS MEDOS | ALICIA FRAMIS

 
 
Neste lugar idílico (o Xardín literario) onde a xente acode a camiñar, a meditar, a reflexionar, Alicia Framis configura unha escultura interactiva, pensada como peza de intervención e utilizando o lugar como unha parte ineludible da obra. Santiago, como lugar de tránsito e encontro de miles de persoas chegadas de todo o mundo, con distintos motivos na súa maleta, na súa mochila, no seu bolso, é o espazo idóneo para “deixar os medos”.
 
A través do Camiño de Santiago, como lugar de peregrinación ao longo da historia, esta cidade foi un punto de fuga para aquelas persoas que cren, que desexan, que confían, que dan e que reciben. E é aí onde se sitúa a obra. Unha pirámide na que nos reflectimos e nos atopamos. Unha abertura onde reza a frase “Deixa aquí os medos”.
 
Estamos ante unha peza que pode provocar dous “usos”: que o público escriba nun papel ou nunha carta os seus medos e que os deposite a través da abertura na escultura a modo de caixa de correos ou que simplemente reflexione sobre os seus medos. O mero feito de pensar nos medos que temos xa activa o funcionamento da peza, xa que esta escultura interactiva o que espera é formar parte do pensamento das persoas visitantes, dos peregrinos e peregrinas ou dos transeúntes: ser unha caixa de correos de medos.

 

 

 
Exposicións