Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño presenta unha visión poliédrica e actual do Camiño de Santiago a través da mirada de dez artistas que empregan a fotografía e o audiovisual como medio. Enmarcada na colaboración da Fundación "la Caixa" co Xacobeo 21-22 e comisariada por Nicolás Combarro, a exposición nace como unha iniciativa itinerante que comezou a súa andaina na Coruña en setembro de 2021. A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, é a derradeira parada destra mostra, onde poderá verse ata o 20 de xullo de 2022.

As referencias ao propio Camiño de Santiago nesta mostra parten de concepcións moi diversas, dende perspectivas históricas ata deconstrucións modernas. O proxecto ofrece tamén unha concepción ampla do feito de camiñar: o percorrido do territorio, novas interpretacións da peregrinación, a deriva, a mirada interior ou as relacións humanas. Trátase dunha mostra quere abrir novos camiños, ofrecendo ás visitantes a posibilidade dunha viaxe aberta e inclusiva na que proxectarse sen un tempo establecido.

A exposición recolle a ollada de artistas de Galicia, con Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, pero tamén notables artistas de fóra aproveitando os diferentes camiños e enlaces con outras rutas históricas. Represéntase o Camiño Inglés, con Olivia Arthur, o Camiño Portugués, con André Cepeda, o Camiño Francés, con Michel Le Belhomme, a Ruta da La, con Cristina de Middel, e a Ruta da Prata, con Miguel Ángel Tornero.

Seis grandes contedores de barco, un deles como punto de información e os cinco restantes como salas de proxección, forman a exposición Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño. Os traballos artísticos móstranse proxectados no interior de cada contedor, ben nun formato de diaporama clásico, con secuencias acompañadas dunha banda sonora orixinal, ben como curtametraxes realizadas especificamente para o proxecto, ben en formatos híbridos de fotografía e vídeo.

 

Artistas e obras

  • Bandia Ribeira (As Pontes de García Rodríguez, 1980). «Unha forza do pasado». Vídeo HD. 5 min. Partindo dos mitos relixiosos que inspiran o Camiño de Santiago e o seu simbólico final no Pórtico da Gloria, Bandia Ribeira estableceu un percorrido fotografando nos dous extremos da ruta xacobea mozárabe: Almería e Galicia. Un principio e un final, alfa e omega, dous opostos nos que a través de encontros casuais e programados se enfrontan as súas fantasías coa realidade. A través dunha serie de recreacións en torno ás nocións bíblicas do paraíso, o limbo, o purgatorio ou a prometida gloria que sucede á morte, fun na busca dunha vertente espiritual representada historicamente como un conto, unha advertencia para o sometemento ao poder e a expansión relixiosa.
  • Miguel Ángel Tornero (Baeza, 1978).  «Yo no sé lo que busco eternamente». Vídeo HD. 8 min. Yo no sé lo que busco eternamente –título tomado dun poema de Rosalía de Castro– é unha deriva audiovisual a través da Ruta da Prata do Camiño de Santiago. Realizouse nunha situación inédita, en plena pandemia, na que non era posible atopar ningún peregrino nin visitar moitos lugares significativos do Camiño. Pero este escenario sen actores –se acaso algunha persoa na súa cotiandade– era tamén unha oportunidade para atoparse dunha maneira máis crúa coa paisaxe, os sons da natureza, as bestas do camiño… e, na relación con eses elementos, talvez con nós mesmos.
  • Cristina de Middel (Alacante, 1975). «La trayectoria de las montañas». Esta serie propón unha actualización do mapa espiritual e un percorrido polas novas formas de fe que se atopan na Península Ibérica. Unha exploración de maneira non exhaustiva dos novos lugares santos minoritarios e periféricos á Igrexa católica, os novos milagres e as expresións relixiosas dunha España aberta a outras culturas e outros panteóns.
  • Iván Nespereira (Ourense, 1978). «Caliza». Vídeo HD. 6 min. Caliza indaga na pegada da pedra como materia ao redor do Camiño de Santiago que conduce os peregrinos ata Santiago de Compostela. É unha película documental con elementos de peza científica que indaga no feito que se apunta no libro V capítulo VI do Códice Calixtino, no que se relata que os peregrinos que acudían a Compostela recollían unha pedra calcaria nas montañas de Triacastela e levábana ata o final do Camiñopara obter cal que se destinaba á construción da catedral de Santiago.
  • Carla Andrade (Vigo, 1983). «Amarillo-Atlántico». Vídeo HD. 14 min. Amarillo Atlántico é a variedade única de granito da Serra da Groba, situada ao longo da costa máis meridional e rectilínea de Galicia e lugar de paso de camiños iniciáticos desde a cultura sumeria. Pola súa riqueza e descoñecemento, constitúe un gran libro de pedra no que se ocultan sabedorías ancestrais e poderosas forzas cosmo-telúricas que permaneceron no proceso cultural como residualidades do rústico, resistindo á división ortodoxia-idolatría. Imaxes fixas e en movemento combínanse e tinguen do propio material fílmico resignificando estas nocións relacionadas co amor pola insondabilidade do salvaxe, pero estruturalmente asimiladas como ilusión e ignorancia.
  • Luis Díaz Díaz (A Coruña, 1978). «Última etapa». Vídeo HD. 9 min. Última etapa é un traballo sobre o territorio e a paisaxe que reciben o peregrino durante o seu último esforzo por chegar á catedral de Santiago. Tamén é, accidentalmente, un retrato da Galicia rururbana actual. O vídeo componse das fotografías tomadas durante as saídas, sons rexistrados durante estes percorridos e gravacións de peregrinos obtidas de Internet. O obxectivo é xerar un encontro entre dúas subxectividades, a do habitante de Santiago e a do peregrino que se achega á súa meta.
  • Olivia Arthur (Londres, 1980). «The stop game». Vídeo HD. 17 min. The stop game é unha curtametraxe sobre unha presidiaria que fai o Camiño de Santiago para conseguir a súa liberdade. En lugar de ser acompañada por un titor, leva un dispositivo de seguimento por GPS que rastrexa os seus movementos e vixíaa de lonxe. Na súa viaxe atopa un mundo que lle é descoñecido e do cal se sente excluída. Mentres camiña, oímos a voz dunha muller maior que reflexiona sobre a experiencia do cárcere, profundando no sensentido e na interminable espera do recluso. Mirando a natureza, trata de atopar sentido ao que viviu e, finalmente, de atopar a súa propia liberación do peso do seu pasado.
  • Michel Le Belhomme (Rennes, 1973). «Dawn walks behind Dawn». Vídeo HD. 5 min. A partir do estudo das referencias históricas e iconográficas do contexto do Camiño de Santiago e de Galicia, Michel Le Belhomme propón unha nova visión a través de composicións fotográficas híbridas. Esta serie é un intento de viaxe inmóbil arrolada no tempo e o espazo, onde as formalizacións de presenza e ausencia desbordan as súas normas. Unha colisión quimérica de elementos, unha realidade duplicada á marxe. Imaxe da imaxe, como un eco. Esta peregrinación segue sendo unha aprendizaxe da travesía.
  • Lúa Ribeira (As Pontes de García Rodríguez, 1986). «Os creyentes». Vídeo HD. 6 min. Os creyentes xorde da iniciativa de facer o Camiño de Santiago con persoas que experimentaron unha pena de prisión. A intención é a de reflexionar sobre a moral colectiva que se establece mediante o sistema xudicial —lóxica do castigo— e a súa herdanza no dogma de fe, a relación entre ambas e a súa influencia nos sentimentos de culpa, castigo e arrepentimento. O percorrido establécese como un encontro onde o camiño é o escenario que enmarca a teatralidade coa que Stoyan A. e Valentin F. se relacionan representando dous arquetipos.
  • André Cepeda (Coimbra, 1976). «A tempestade». Vídeo HD. 10 min. A tempestade. Dúas mulleres, tres voces e o camiño. Unha curtametraxe constituída por dous corpos, o texto e as imaxes, que dialogan entre si e representan a idea do Camiño de Santiago, o lado mental e poético, cuestionando e tratando de resolver problemas da vida, da nosa existencia.
 
Exposicións