O perpetuo tránsito cara ao presente | Intervención artística de Miguel Moreno Mateos

A instalación de Miguel Moreno Mateos (Madrid, 1978) é unha alegoría do proceso de crecemento vital, unha viaxe metafórica polos procesos que nos definen como persoas, que nos unen e diferencian dos demais e nos ligan ou nos separan do ecosistema.

A auga é o elemento que dá a vida en sentido real e figurado a esta instalación. É o material que percorre un conxunto de 17 elementos de vidro e látex, adaptándose ás súas formas, percorrendo as súas canles, como veas e condutos dun sistema complexo e interconectado.

Un sistema onde a auga, como a vida, imprégnase de experiencias que nos condicionan e nos determinan, de tal maneira que no camiño a nosa esencia se impurifica facendo de nós sistemas máis complexos, pero con mellor capacidade de adaptación e resiliencia.

A auga alcanza a torre de cristal co seu novo estado, cargada e mutada, pero sen deixar de ser auga, e alcanza a terra onde achegará a súa capacidade de dar vida ás sementes que esperan aletargadas a súa presenza. As plantas que medrarán vencendo a gravidade e rubindo cara arriba pechan o ciclo, investindo o camiño que fixo a choiva e materializando o seu contido e a súa experiencia nos seus froitos.

Esta instalación fai referencia ao organismo que somos e do que formamos parte, un ecosistema interdependiente onde a sinerxia é o mecanismo que une todos os elementos para que o conxunto siga funcionando, do mesmo xeito que un ecosistema complexo, esta instalación non funcionaría sen os seus elementos, nin os seus elementos sen o sistema.

Como menciona Buckminster Fuller na peza sonora que Alvaro Gradua compuxo para esta instalación : "if we try to find one word, just one word alone, that identifies our experience of the phenomena called life, I'd say the number one word would be awareness". Cada esfera fai referencia a unha experiencia que se nos presenta no camiño, pero a instalación só nos fai a proposta, pero cada un deberá interpretar o seu contido.

Nesta intervención pódese interpretar un símil co Camiño: unha experiencia que purifica á vez que permite ir absorbendo e incorporando vivencias que transforman ou permiten emprender novas etapas e proxectos; do mesmo xeito que a auga que chega á torre de cristal e dá vida en forma de sementes incipientes, que xermolarán dando lugar a algo que será futuro. Pero, por agora, isto é só o presente.

MIGUEL MORENO MATEOS

A natureza e o comportamento humano son fontes constantes de inspiración de Miguel Moreno Mateos. Os seus traballos están estreitamente vencellados co medioambiente e na súa obra é recorrente que profunde en conceptos, como a integración, migración, interacción, liberdade e identidade.

Cunha traxectoria profesional de 15 anos como paisaxista, tras formarse en Enxeñería forestal e realizar un máster de Xardinería e outro de Paisaxismo e Arquitectura da Paisaxe, a súa carreira como artista plástico levouno ao Instituto Cervantes de Xangai, Studio Gallery e ShunGallery, en Xangai o ABC Art BookBeijing e participou con proxectos de arte urbana, en calidade de artista convidado en Pinta Malasaña en Madrid, na Casa de Velázquez ou no centro de arte O vello cárcere de Lugo.

Actualmente colabora coa New York University Xangai, onde impartiu obradoiros sobre Bioarte e foi seleccionado como artista convidado en prestixiosas residencias artísticas como a Swatch Art Peace Hotel, na China e o Hongti Art Center, en Corea.

 
Exposicións
 
 
6 Nov 2020 - 30 Mai 2021
De martes a domingo | de 10 a 20h
6 Nov 2020 - 30 Mai 2021
De 9 a 21 h
30 Xan - 13 Mai 2021
De 9 a 21 h
18 Mar - 5 Set 2021
Aberta de martes a domingo | De 10 a 20 horas
27 Mar - 15 Ago 2021
De martes a domingo, de 10 a 20 horas